O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, vai realizar este domingo 30 de xullo unha nova campaña de promoción turística dixital que incorpora como principal novidade circuítos virtuais en directo para dar a coñecer a Serra da Groba e os Cabalos Garranos. Todo iso co fin de abrirse aos mercados internacionais que se consideran prioritarios polo volume de turistas que poden achegar a Baiona e o seu potencial de crecemento. Utilizando como principal ferramenta o márketing virtual en vivo con visitas virtuais en directo, con esta iniciativa preténdese atraer á Real Vila novos viaxeiros internacionais e tamén nacionais coa finalidade de que logo visiten presencialmente o destino.
A inserción promocional de Baiona e da súa espectacular contorna natural como destino turístico na plataforma dixital YouTube, ofrecerá dous circuítos ou viaxes virtuais en directo a cidadáns de todo o mundo. A audiencia adoita ser, maiormente, de EE.UU., Canadá, Reino Unido, Australia ou Nova Zelandia. Tamén de varios países europeos e mesmo de Xapón e China. Todas aquelas persoas interesadas en coñecer de primeira man esta marabillosa contorna natural, os seus cabalos salvaxes así como gozar da magnífica posta de sol desde este enclave, poderán conectarse de forma gratuíta en directo este domingo ás 21:30 horas desde a comodidade da súa casa a través dunha conexión a internet e gozar da emisión. Na conexión tamén participará Adrián Martíns, ideólogo dos Safari Etolóxicos de Garranos pola Serra da Groba.
Os circuítos virtuais teñen unha duración de 90 minutos aproximadamente. Durante o circuíto pódese interactuar en directo cos viaxeiros por un chat a tempo real. Eles escriben preguntas e o guía a pé de rúa pódeas ver na pantalla do móbil e contestar en directo, falando e interactuando co público. Ademais, esta plataforma está dispoñible para todos os públicos polo que viaxeiros nacionais ou mesmo aqueles baioneses e baionesas nostálxicos que non poidan vir ata a Vila poderán gozar en directo da súa contorna. Esta nova visita súmase á do pasado domingo 16 de xullo que tivo unha gran audiencia.

