Marea Feminista de Nigrán presenta o programa de actividades con motivo do 25 N

A rede de mulleres deseñou un programa de actividades con motivo do Día Internacional para a eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o 25 de novembro. As actividades programadas levaranse a cabo entre o 21 e o 24 de novembro.

O programa iníciase o martes 21 ás 20:00 horas no local da Asociación de Veciños A Irmandade de Priegue, coa proxección do documental “A (violencia) Invisible”, producida pola Asociación de Mulleres “Páginas Violetas” de Sevilla, quen enviará unha mensaxe para a cidadanía de Nigrán.

Seguindo coa programación, o mércores 22 ás 19:00 horas, no mesmo local, realizarase unha charla impartida por un representante do equipo contra a violencia de xénero da Garda Civil.

O xoves 23, ás 20:00 horas no C.R.C. O Torreiro de Priegue, terá lugar un coloquio/café sobre as violencias machistas que se producen no día a día, ao que están convidadas activistas do movemento feminista da área metropolitana de Vigo.

Por último, o venres 24 ás 16:30 horas no C.R.C O Torreiro de Priegue, haberá un obradoiro de técnicas de meditación para acougar estados de estrés ou ansiedade.

Desde Marea Feminista de Nigrán manifestan que “é de especial importancia sinalar o papel que cada persoa desempeña dentro da sociedade e que está a facer no seu lugar, para previr e eliminar a violencia contra as mulleres da súa contorna. É unha loita que involucra a todas as persoas, é comprometernos para lograr os cambios que se necesitan, para que cada vez haxa menos mulleres que sofren violencia”.

Doutra banda, queren agradecer a todas as persoas e entidades que fixeron posible este programa de actividades.