Anuncios
Ticker de novas

Crean un viveiro de árbores autóctonas no CEIP Cruz de Camos

Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor inicia o segundo ano de actividade cun proxecto de educación medioambiental en Nigrán , coa creación dun viveiro de árbores autóctonas. O proxecto é froito da cooperación co CEIP Cruz de Camos, a Comunidade de Montes de Camos, que cede o terreo, e a Asociación Avelaíña de saúde mental de Baiona. Conta tamén co asesoramento e guía de Afonso Rodríguez, educador medioambiental.

O obxectivo do proxecto é sensibilizar á sociedade da necesidade da recuperación dos nosos bosques e o respecto á natureza e a diversidade, dende a idade máis temperá. Consiste na creación dun viveiro forestal paso a paso: recollida de sementes, xerminación, plantación, mantemento e transplante das arboriñas. As actividades están encamiñadas a que as persoas participantes sexan parte activa da aprendizaxe a través da investigación, acción no campo e colaboración, nun marco inclusivo e de diversidade.

O pasado venres día 16 realizouse a primeira saída o Parque Forestal de Saiáns de Vigo, no que se recolleron landras e sementes de distintas árbores autóctonas. A segunda actividade realizada o día 19 consistiu nun encontro no CEIP Cruz de Camos, no que se fixo unha selección das mellores landras, se mostraron diferentes maneiras de conservalas ata a súa xerminación e se realizou plantación directa en envases para a posterior plantación no terreo en primavera.

Desde Rexeneración Forestal Autóctona Val Miñor destacan o bo clima e a harmonía na que se desenvolveron as dúas xornadas e agradecen a acollida, colaboración e motivación de todas as persoas participantes. O calendario de actividades abarcará os coidados das arboriñas ata que medren e sexan o suficientemente fortes para pasar a súa localización definitiva, contribuíndo a reforestar os montes arrasados polo lume en Camos.

Anuncios