
Ponte…nas ondas! celebrou o Día Internacional do Patrimonio cun acto de entrega de premios do Certame “As imaxes do patrimonio” aos centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño. Máis de 200 mozos e mozas e profesorado dos sete centros educativos premiados participaron nun acto que tivo como protagonista ao patrimonio inmaterial galego-portugués.
O acto comezou ás 11:30 horas na Casa da Cultura de Salvaterra de Miño coa presenza da Tenente de Alcalde do Concello de Salvaterra, quen deu a benvida aos asistentes. Marta Valcárcel agradeceu a Ponte…nas ondas! o traballo realizado a prol do patrimonio común galego-portugués e mostrou a colaboración do concello con Ponte…nas ondas!, que naceu na Casa da Cultura hai 23 anos e que tanta proxección está a darlle ao patrimonio.
Os centros asistentes leron os textos que acompañaban ás imaxes premiadas no certame. Obtiveron premio o IES Plurilingüe Fontexería de Muros, o CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro, a Escola Profissional Infante D. Henrique do Porto, a Escola EB2/3 Sophia Mello Breyner – Arcozelo. Ponte de Lima, o IES Terra de Turonio de Gondomar, o IES Ponte Caldelas de Ponte Caldelas e o CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón de Salvaterra de Miño. Este centro foi o que logrou o premio especial á maior participación, de aí que o acto se celebrara no Concello de Salvaterra.
Martín Vidal Márquez, do IES Terra de Turonio de Gondomar, gañou o 2º premio na categoría Ensino Secundario Obrigatorio / Ensino Secundario, co imaxe “Casamento da avoa María”. Mostra o casamento dos seus tataravós, María Caeiros e José Cambra, en 1913 (aproximadamente). Os padriños do casamento están aos lados dos noivos. Os noivos ían de negro e é destacado que todos os homes que foron á cerimonia ían con traxe e gravata. Esta foto foi sacada en Peitieiros, no Concello de Gondomar, na casa da noiva, que foi onde se fixo a celebración. O canizo, que está detrás, aínda hoxe se conserva do mesmo xeito, sen cambios. O casamento debeu ser no mes de setembro, cando se sacan as espigas, pois hai restos de follato na eira, diante dos noivos.
Santiago Veloso, presidente de Ponte…nas ondas!, agradeceu a asistencia e anunciou a apertura do 2º Certame de “As imaxes do patrimonio”, no que xa poden participar os centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal.