
O Auditorio Lois Tobío acolleu este sábado o acto de entrega do XI Premio de Poesía Victoriano Taibo, organizado polo Concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns. O xurado, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Ángel Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da X edición, resolveu que o libro gañador era o presentado co título de “A situación actual” que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha gran radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén destacou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba, é unha nova de Burela graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
O acto, amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor de Morgadáns e conducido por Marta Dacosta, púxolle un marco axeitado ao momento no que Laura Ramos Cuba recolleu o galardón, dotado con 3.000 euros e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo, da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, e o director do IEM, Xulián Maure, para logo recitar algúns poemas da súa obra.
Pecharon o acto as intervencións de Xulián Maure e Paco Ferreira. Á saída, no vestíbulo, agardaba un albaroque de confraternización durante o cal a autora asinou exemplares do seu libro.
A I Semana Poética Victoriano Taibo encheu de versos a vila de Gondomar
Para achegarse á data de hoxe no ambiente poético propicio, o IEM organizou a I Semana Poética Victoriano Taibo, que comezou o pasado sábado no Café Rañolas cun recital aberto no que participaron nove autores e autoras. Desde o luns a poesía «tomou» os balcóns e as fachadas de Gondomar con versos que reproducen, entre outros, poemas de autores premiados co Victoriano Taibo. Nesta semana repartíronse tamén entre 14 establecementos hostaleiros manteis ilustrados con poemas. E no medio da semana, o mércores, púidose gozar dunha sorpresa poético-musical no Supermercado Froiz da vila.