As primeiras estimacións indican que arderon preto de 35.500 hectáreas este fin de semana

FOTO: PSOE // Visita de Pedro Sánchez a Chandebrito.

A Xunta traballa intensamente na cuantificación dos danos tanto persoais como ambientais ocasionados pola actividade incendiaria que asolou a nosa Comunidade desde o pasado domingo. Estas primeiras estimacións permitirán determinar que actuacións é preciso adoptar para brindar ás persoas que perderon as súas vivendas habituais todo o apoio necesario e iniciar as tarefas de recuperación e rexeneración do medio natural.

A estimación provisional da que se dispón ata este momento é de arredor de 35.500 hectáreas de superficie afectada durante a pasada fin de semana. Unha cifra á que haberá que engadir ás 12.600 ha que arderan ata ese momento. A Consellería do Medio Rural informa de que aínda non dispón dos datos pormenorizados de cada lume, polo que non se coñece a superficie total afectada no Val Miñor, tan só que foron máis de 20 hectáreas en cada un dos tres municipios, Baiona, Gondomar e Nigrán.

*Datos de incendios dos últimos anos (período 1 de xaneiro-18 de outubro):

DATOS INCENDIOS

O Consello da Xunta aprobará mañá un paquete de axudas que incluirá achegas para reconstruír e recuperar as vivendas habituais, o antes posible, e medidas de asesoramento legal para orientar aos afectados e aos seus familiares cos trámites necesarios.

“O exemplar traballo da totalidade dos efectivos que integraron o operativo antiincendios permitiu que arestora ningún lume permaneza activo e evitou que tiveramos que lamentar consecuencias maiores as xa vividas”, sinalan desde a Consellería do Medio Rural.

O Goberno galego lamenta profundamente a perda de vidas e traslada aos seus familiares as súas condolencias e todo o seu pesar. Tamén fai un chamamento á unidade da sociedade na loita contra esta lacra e reitera a súa condena firme e enérxica a actividade incendiaria, agardando que sobre os responsables deste terrorismo incendiario recaia todo o peso da lei.

Anuncios