“A senda peonil a beiras do Río Miñor era a aposta acertada”

FOTO: PP NIGRÁN // Membros do PP de Nigrán reunidos cos representantes da Xunta.

O Partido Popular de Nigrán atende as queixas transmitidas por un representante dos veciños afectados e as manifestadas pola Asociación de Empresarios do Val Miñor (OVALMI). O candidato á alcaldía, Carlos Abal, acompañado pola presidenta local, María José Pino, reuníronse con técnicos responsables da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e o Delegado da Xunta, Ignacio López Chaves, cun único obxectivo, trasladar todas as suxestións presentadas sobre a senda peonil e ciclista que unirá Ramallosa e Gondomar.

A primeira das queixas, a prohibición de facer xiros á esquerda. Moitos dos veciños manifestan a súa preocupación ante a previsión de non poder realizar os xiros á esquerda aos que estaban afeitos para acceder ou saír das súas vivendas. Os técnicos aclaran, que a Avenida de Portugal está cualificada como unha travesía cunha afluencia de coches diaria de 15.000 a 20.000 vehículos, e con esta afluencia a lei de estradas de Galicia prohibe xiros e incorporacións á esquerda desde accesos particulares. E en caso de vías públicas non se permiten igualmente os xiros á esquerda aínda que si as incorporacións, salvo que existan carrís centrais. O sentido subxectivo deste decreto atende á obrigación que lle compete á Administración de garantir a seguridade viaria a todos os veciños. Interpretan literalmente a norma co fin de avalar a seguridade.

Outra das queixas que presenta OVALMI, como representante dos empresarios, derivan do material empregado na execución do proxecto, afirmando que os seus negocios están sucios constantemente. Carlos Abal traslada a necesidade dunha solución urxente. O Delegado da Xunta informou que falta unha fase de execución, xa que a senda incorporará un verniz endurecedor previsto na planificación que soluciona o problema.

Con todo iso, e facéndose eco de todas as queixas presentadas, o PP de Nigrán pon en dúbida que ese sexa o lugar idóneo para un proxecto destas calidades. “A senda peonil a beiras do Río Miñor era a aposta acertada”, sinalan. Os populares xa a presentaban antes do cambio de goberno pero ao grupo socialista non lle pareceu a idónea.

Aproveitando este encontro, Carlos Abal comentou a necesidade de tomar medidas urxentes no tramo que afecta o Instituto IES Proval. Tras a reunión co director do centro, manifestou a serie de incidentes que ocorreron neste punto negro. En base a esta situación, a Xunta cambia a execución do proxecto e habilita unha zona de aparcadoiro temporal e semáforo con pulsador para a entrada e saída do alumnado aínda que Carlos Abal propón unha medida definitiva que garante a seguridade viaria e a fluidez do tráfico na zona norte do mesmo, que incluirá no seu programa.

Anuncios