Desde a Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI) denuncian os problemas que están a ter distintos negocios de Nigrán, situados na PO-340 á altura da Ramallosa.
Os problemas derivan do material utilizado na execución da senda mixta peonil-ciclista que unirá A Ramallosa con Gondomar, obra sufragada pola Xunta de Galicia, cun investimento de 2,3 millóns de euros.
Segundo as queixas que lles veñen trasladando os propios empresarios, cada vez que chove despréndese a capa superior coloreada coa que imprimiuse a senda, provocando que os seus negocios se ensucien de forma constante, e que lles sexa imposible manter os seus establecementos limpos.
Se optan por varrer ou limpar dita senda para evitar que os seus negocios se ensucien, observan como se desfai o material aplicado na capa superior da senda.
Esta situación podería derivarse de que nas obras da senda que unirá A Ramallosa con Gondomar estean a utilizarse materiais de mala calidade, ou inadecuados, ou que non se apliquen correctamente as técnicas construtivas que precisan os materiais.
Desde OVALMI, reclaman á Xunta e ao Concello de Nigrán unha solución inmediata a este problema, sobre todo agora que empeza a época de choivas constantes, o que fai que a situación se complique aínda máis para os negocios da zona.




