Anuncios
Ticker de novas

Primeira visita de Policarpo Vilar á Xunta de Galicia como concelleiro de Educación

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, acompañou este luns a Policarpo Vilar na súa primeira visita á Xunta de Galicia como concelleiro de Educación. A reunión co delegado provincial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, tivo dous motivos principais. O primeiro, a presentación do novo responsable da área e agradecer ao goberno autonómico os investimentos recibidos ata o momento, e o segundo, expor unhas melloras no Colexio de Sabarís, “que el coñece de primeira man ao comentalo cos pais/nais e profesorado”.

Trátase da necesidade de preparar o patio do centro cunha nova soleira, conxuntamente coas canalizacións das augas pluviais e a retirada dun tanque de gasóleo. Pérez Ares avanzou que será estudada canto antes para dar unha pronta resposta, esperando que esta sexa o máis razoable e xusta para ambas as partes. Así mesmo, Policarpo Vilar trasladoulle ao delegado de Educación que en breve comezará a reunirse cos directores/as dos centros escolares da Vila para coñecer de primeira man cales son as súas inquietudes e necesidades. César Pérez Ares deulle a benvida e animouno a seguir traballando.

Con esta visita, o alcalde Ángel Rodal comprobou que Policarpo Vilar asume esta Concellería de Educación “con moita ilusión” e como comenta o rexedor “estou seguro que se deixará a pel para traballar a favor de todos os veciños e veciñas de Baiona e sabe que conta con todo o meu apoio e o dos seus compañeiros”.

Anuncios