O PP de Gondomar defende aos voluntarios ante as acusacións de Paco Ferreira

A presidenta do Partido Popular de Gondomar, Paula Bouzós, non entende as manifestacións do alcalde de Gondomar Paco Ferreira acusando aos voluntarios de facer un traballo partidista e acusando aos mesmos de abandonar agora este cometido, unha vez que el mesmo tomou as rendas da Concellería de Benestar Social.

Tanto nas redes sociais como nalgún medio de comunicación, o alcalde Paco Ferreira manifestou “este martes toca e todos os voluntarios que había (excepto un), abandonan por ser do Partido Político Manifesto Miñor-Arauxos, e por ser expulsados do goberno municipal a concelleira de Benestar Social e os dous concelleiros que formaban o seu grupo. Como alcalde aproveito a ocasión para agradecerlles os servizos prestados e de traballar polo ben común e por Gondomar de maneira partidista, e non polas súas xentes”. Para a presidenta do PP de Gondomar, que non comparte para nadas estas manifestacións e deixan en evidencia a quen as pronuncia, isto forma parte do que os veciños levan padecendo durante toda esta lexislatura, o enfrontamento diario entre os que no seu día foron socios de goberno e que agora se acrecenta despois de que o alcalde decidira expulsalos do goberno municipal. «Estes voluntarios non merecen que se lles trate desta forma», afirma Paula Bouzós.

Paula Bouzós recorda ao alcalde, que en ningún momento os voluntarios usan as súas ideoloxías políticas nin calquera outro tipo de ideoloxías e crenzas para o seu ben, máis ben todo o contrario. Ademais, este tipo de accións veñen desenvolvéndose dende hai moito tempo coa participación de voluntarios con toda clase de ideoloxías, pensamentos e crenzas, sen que ata o de agora fose isto impedimento para exercer libre e voluntariamente este servizo en favor dos demais veciños.

«Gondomar ten a sorte de contar, non só con este tipo de voluntarios, aos que aproveito para agradecer o seu esforzo así como ceder parte do seu tempo para beneficio dos demais veciños, senón que ten un tecido moi importante de asociacións de veciños, centros culturais e deportivos, comunidades de montes e augas, Anpas, etc., e que todos eles están formados sempre por persoas que desinteresadamente e sen agardar ningún recoñecemento nin lucro posterior, ceden parte do seu tempo para usar no ben dos demais veciños», manifesta a presidenta do PP de Gondomar.

«Se alguén trata de quitar rendemento partidista do voluntariado, ese non é outro que Paco Ferreira», remata dicindo Paula Bouzós.

Anuncios