Anuncios
Ticker de novas

A Asociación Chandebrito 1807 celebra a IV Festa do Muíño dos Matos

FOTO: CHANDEBRITO 1807 // IV Festa do Muíño dos Matos.

A Asociación Veciñal e Cultural Chandebrito 1807 vén de celebrar as “Actividades etnográficas da senda e muíño dos Matos”, tamén denominada “IV Festa do Muíño dos Matos”, organizada coa colaboración económica do Concello de Nigrán. Realizouse unha charla e partiuse dende o barrio de Pracíns cun roteiro guiado por expertos en historia e natureza da zona cara e este muíño de auga, onde houbo moenda, demostracións, charlas, exposicións, etc.

Dende o comezo da xornada e especialmente, dende o remate do roteiro, e por mor das previsións meteorolóxicas adversas, no local social da antiga escola infantil da parroquia houbo música folck protagonizada por un grupo de gaitas, exposición de pezas de muíños de auga e de fotos, textos, planos, etc. deste e doutros muíños de Galicia; desenvolvemento de oficios tradicionais artesáns (cestería con follato de millo, cesteiro en palla de centeo, zoqueiro), degustación gratuíta de pans bionaturais realizados por un artesán local, e de produtos ecolóxicos elaborados por agricultores da zona coa fariña de cereais.

Despois de 41 anos abandonado (no 1973), volveu funcionar o muíño dos Matos, no que ademais de moer millo durante este día especial, realizouse unha exposición de fotografías antigas relacionadas cos cereais cultivados na zona, de utensilios empregados con estes traballos, de pezas do muíño e de variedades locais de millo.

Esta actividade contou coa participación dun grupo de gaitas vigués, membros ecoloxistas, un muiñeiro, un zoqueiro artesán, un cesteiro, e outros artesáns da contorna, ademais de agricultores bio da zona, entre outros colaboradores. Ademais, asistiron como público preto de 40 persoas procedentes da localidade de Nigrán e doutras da contorna (Baiona, Vigo, etc.).

Anuncios