Anuncios
Ticker de novas

“Quedou claro que a expulsión de Manifesto Miñor responde a un pacto previo PSOE-PP”

A Corporación Municipal de Gondomar celebrou este mércores o pleno ordinario do mes de novembro. Para Manifesto Miñor os resultados foron máis que interesantes e clarificadores. “En primeiro lugar quedou claro que a expulsión do goberno municipal de Manifesto Miñor responde a un pacto previo PSOE-PP acordado nunha asemblea conxunta o mes pasado como é público e notorio e só faltoulles o “que se biquen” como nas vodas, votando todos os asuntos en perfecta unión de intereses (unha UTE?)”, afirma Antonio Araújo.

“Votáronse uns expedientes aos que Manifesto Miñor non tivo acceso en tempo e forma como é preceptivo, xa que tivemos bloqueado o acceso á documentación ata un día antes do pleno, e por tanto non puidemos participar nos debates nin votar con coñecemento de causa. Veremos que pasa con esa vulneración flagrante de dereitos a cargos públicos no exercicio do seu labor de representación”, engade Araújo.

Con todo, segundo o portavoz de Manifesto Miñor, foi no apartado das mocións presentadas polo seu grupo onde quedou perfectamente retratada a actual Corporación Municipal. Na primeira moción de apoio ás persoas imputadas pola reclamación do Pazo de Meirás, foi aprobada só cos seus votos e os de CABE. “O PSOE abstívose porque seica é un asunto carente de interese para o alcalde (que llo pregunte ao Presidente do Goberno), e o PP votou en contra deixando claro o seu carácter franquista”.

A súa segunda moción, que tiña por obxecto a firma urxente dun convenio cunha protectora de animais para a recollida de gatos, foi aprobada por unanimidade, comprometéndose o alcalde a que estará asinado en xaneiro como moi tarde. “Estaremos atentos pois este Sr. perdeu toda a nosa confianza e credibilidade”.

A terceira moción, na que se lle reclamaba ao alcalde a devolución do diñeiro indebidamente cobrado por quilometraxes irregulares, “por unha cuestión de ética e moralidade públicas, foi onde quedou clara a catadura moral deste Sr., pois tivo o atrevemento de votar contra esa devolución, gañando a votación (4-3) grazas á abstención dos demais grupos da Corporación, que polo visto miran con bos ollos semellante atropelo ás arcas públicas”.

Tamén foi aprobada a adxudicación das obras da Praza da Paradela só cos votos de PP e PSOE, despois de solicitar deixalo sobre a mesa para que Manifesto Miñor puidese ver o expediente con tempo e poder votar a favor “como viñemos facendo sempre neste asunto”, petición que foi rexeitada e, sometido o asunto a votación só obtivo 8 votos a favor, “cando para unha adxudicación desta contía (un orzamento de 789.000 euros) deberían ser os 9 votos da maioría absoluta no caso de Gondomar, segundo ao noso entender… veremos como acaba o conto”, conclúe Araújo.

Anuncios