Anuncios
Ticker de novas

“É a hora da responsabilidade, Baiona non merece este espectáculo”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Os concelleiros do BNG nunha sesión plenaria.

Sucédese un novo capítulo sen que xurda un mínimo de responsabilidade no Goberno Municipal. Diante do afastamento dunha das súas concelleiras e ante a perspectiva dun escenario en minoría e a aprobación dos orzamentos para 2019, o Partido Popular opta por pretender privar do voto á súa concelleira discrepante por unha presunta incompatibilidade que non se propuxo até o anuncio público de abandono. Os orzamentos municipais apróbanse en Pleno Municipal por maioría, nove de dezasete concelleiros e concelleiras e o Partido Popular contando con oito semella non sentirse capaz de aprobalos.

Para o BNG é a hora de que, practicamente xa en período de precampaña, se tramiten uns orzamentos de consenso entre todas as forzas políticas, obrando con responsabilidade e deixando de lado os intereses partidistas en favor de toda a veciñanza baionesa. “Ninguén debe pretender aproveitar esta situación para tirar rédito partidista e moito menos bloquear investimentos no noso concello por revanchismo político”.

“O BNG presentou unhas emendas de mínimos, mais é evidente que aberta esta vía debe presentarse un novo documento que elimine as eivas derivadas da mala xestión desenvolvida até o de agora. Xa que logo, o Goberno Municipal debe abrir unha vía de diálogo na que participen activamente todas as forzas políticas”, sinalan os nacionalistas.

Non obstante, O BNG considera que o transfuguismo é unha quebra directa dos proxectos colectivos e o funcionamento democrático de calquera organización. “Non é ético acceder a unha representación pública ao amparo dun proxecto político e logo apropiarse del, por moito que a lexislación vixente o permita, da que tanto gozou corrompéndoa o Partido Popular para privar de alcaldías a outras forzas. Si Beatriz González discrepa coa liña política da súa organización é lexítima a súa discrepancia pública e incluso a súa renuncia, mais a retención da acta de concelleira non é máis que outra forma de corrupción política. O que si evidencia é que o proxecto político do Partido Popular está esgotado e cada vez conta con menos apoios entre a veciñanza”.

Anuncios