Rodal acusa a González de querer aproveitarse da súa condición para beneficiar á súa irmá

O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, vén de anunciar que tras o comunicado de Beatriz González Pérez de querer terminar a lexislatura fóra do Grupo do Partido Popular e pasarse ao Grupo Mixto, vese na obrigación e no deber de retirarlle todas as competencias que ostentaba ata o momento canto antes, as cales repartirá entre o seu equipo de goberno. Segundo indícase nun comunicado remitido aos medios, Ángel Rodal séntese arroupado polo resto dos seus compañeiros e por toda a militancia en todas as mensaxes de ánimo e apoio recibidos ao longo do día, e asegura que “cando se está gobernando hai que tomar decisións á marxe dos coñecidos e amizades sendo xustos e imparciais”.

«É de todos coñecido que fai máis dun ano o Concello de Baiona tivo que incorporar eventualmente en persoal a unha bolseira de prensa, Marta González Pérez (irmá da concelleira), tras unha sentenza xudicial a consecuencia da denuncia que esta fixo contra a institución, cun resultado negativo para as arcas municipais de preto de 30.000 euros anuais repartidos entre o seu salario e Seguridade Social. Todo este problema xérase cando o alcalde decide amortizar a praza de prensa do Concello, ao crer que non é un servizo que sexa necesario realizalo cunha praza de funcionario e co que non está de acordo, ao non ser conseguido cun concurso/oposición pública como sería o lóxico, e así aforrar aos veciños e veciñas de Baiona os preto de 30.000 euros anuais que custaba», sinala a nota.

Lembran ademais á concelleira Beatriz González Pérez que por razóns de parentesco terá que absterse na votación, ao ser parte interesada como di a lei, e non poderá votar no punto dos orzamentos do ano 2019 que levan a Pleno este próximo xoves 8 de novembro. «Ante a imposibilidade de chegar a un acordo co alcalde para que a súa irmá continuase como funcionaria sen pasar unhas oposicións, esta, opta no día de hoxe a pasarse ao Grupo Mixto, creo firmemente que as decisións en política hai que tomalas para favorecer o ben común de todos os veciños e veciñas e non para beneficiar á familia ou amigos”.

Rodal conclúe destacando que «durante estes tres anos foi unha concelleira exemplar e sinto enormemente que tomase esta decisión tan desacertada, pero a respecto e deséxolle todo o mellor na súa vida persoal».

Anuncios