Pedro Alonso suma unha nova medalla de ouro á súa colección

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Pedro Alonso mostra a medalla de ouro obtida a finais de xullo e que loce na súa colección de trofeos.

O inspector xefe da Policía Local de Baiona, Pedro Alonso, sumou unha nova medalla de ouro á súa colección particular de vitorias tras gañar, coa Selección Española, o campionato europeo de veteranos de Judo. A cita que tivo lugar o pasado mes de xullo en Las Palmas de Gran Canaria contou con máis de 900 inscritos de 37 países diferentes. Alonso, axente de vocación e deportista de elite desde que ten uso de razón, explicou que os seus resultados competitivos non teñen truco algún xa que todo baséase en esforzo e constancia, aínda que tamén é certo que a súa máxima “para saber gañar hai que perder” aplícaa a todos os aspectos da súa vida.

Alonso explicou que para chegar aos niveis competitivos nos que se atopa tivo que percorrer un longo camiño, e que para el os triunfos colleitados durante os últimos anos son sinónimo dun traballo ben feito, e que ao mesmo tempo esta forma de entender o deporte ensínache a encaixar diversas situacións que poidan xurdir. “Perder é necesario pois forma parte do proceso, no momento que aprendes a encaixar as derrotas é cando tes todo disposto para empezar a gañar”, afirmou. Aínda así Alonso confesou que o seu ADN pídelle saír a por o primeiro posto aínda que os resultados non sempre sexan os desexados.

“O afán de superación é o que che ensina a crecer mentres que todo o que che rodea gózalo”, engadiu. Nesta liña o deportista oiense lembrou unha fochanca sufrida na súa carreira deportiva no que un mal golpe saldouse cunha fractura de xemelgo. “Os médicos estaban convencidos que tiña que pasar por quirófano pero á miña idade pasar por un postoperatorio co seu correspondente período de recuperación é perder demasiado tempo”, engadiu. Así pois e sen darse por vencido, Alonso probou técnicas alternativas como a acupuntura e finalmente salvouse da “coitela” e en pouco tempo estaba sobre o tatami, aínda que non ao 100%. “Quero agradecer a dedicación que tiveron comigo en Camelias Masaje y Acupuntura xa que grazas a eles recupereime sen operarme”, explicou.

Pedro Alonso leva ás súas costas un impresionante palmarés deportivo. En 2010 quedou terceiro no Campionato do Mundo de Bombeiros e Policías, aínda que tres anos despois en Irlanda gañouno. En 2012 quedou segundo no mundial de Miami, do mesmo xeito que en 2014 en Málaga. Un ano máis tarde volveu ao máis alto do podio e os resultados fóronse repetindo ano tras ano ata a actualidade. Unha traxectoria de éxitos recoñecida pola Federación Española de Judo e Deportes Asociados ao nomearlle, en 2018, mellor deportista masculino de judo na categoría de veteranos.

Anuncios