Manifesto Miñor pide asinar un convenio cunha protectora de animais para a recollida de felinos

Manifesto Miñor presentou este venres no Rexistro Xeral do Concello de Gondomar unha moción na que propón instar ao goberno municipal a proceder á sinatura dun convenio cunha protectora de animais para a recollida de felinos na maior brevidade de tempo e nunca máis aló dun mes, con obxecto de lle dar cumprimento á Lei e ás demandas veciñais.

“Despois da expulsión do Goberno Municipal dos concelleiros de Manifesto Miñor en base a un acordo tomado nunha asemblea aberta (surrealista) de afiliados do PSOE-PP por parte do Sr. Ferreira, os concelleiros de Manifesto Miñor democraticamente pasamos a exercer a oposición, que como xa anunciamos vai ser tan dura coma rigorosa e sempre co obxectivo irrenunciable da defensa do ben común”, recorda Antonio Araújo.

“Nese senso, no Pleno do mes de Novembro a celebrar o vindeiro día 7, mércores, entre outras moción levaremos esta para obrigar ao Goberno Municipal, agora dende a oposición, a asinar un convenio con calquera das protectoras de animais que actúan na nosa comarca. Porque é unha necesidade evidente, e porque é unha demanda social de sobra coñecida polo Sr. Alcalde que até agora fixo ouvidos xordos á mesma, malia a ter enriba da mesa a proposta de convenio dende o ano 2016”, afirma Araújo.

Manifesto Miñor considera que o Concello de Gondomar non pode seguir alleo á realidade e debe darlle cumprimento a esta demanda social, e obviamente á “Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia”.

“Xa que logo, chegou o momento de actuarmos como hai unhas semanas fíxoo o Concello veciño de Baiona, e outros. Se ben é certo que o Concello de Gondomar ten resolto parcialmente esta cuestión, e digo parcialmente porque da recollida de animais abandonados quedan fóra os felinos, a maiores trátase dun servizo que ten máis de negocio particular, lexítimo, que dunha actuación altruísta que procure o benestar dos animais e a súa reintrodución en novas familias de acollida ou, simplemente polo traballo e a pedagoxía social que fan. É dicir, cómpre ir a outro modelo de recollida de animais abandonados, incluídos os felinos, que só poden prestar con garantías e sensibilidade, as entidades protectoras de animais”, sinala a moción.

“Na comarca do Val Miñor como mínimo actúan e teñen a súa sede dúas: Proxecto Gato e Baisenpulgas, con sede en Gondomar, o que sen dúbida facilitaría a recollida e tratamento destes animais polo feito da proximidade”, conclúe Araújo.

Anuncios