UCN denuncia o cobro ilegal de taxas por parte da concesionaria da piscina da Ramallosa

O portavoz do partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, denuncia o cobro ilegal das tarifas por parte da concesionaria da piscina mancomunada Serviocio, pola utilización da piscina mancomunada aos usuarios, xa que puxo ao cobro a finais de agosto os recibos correspondentes ao mes de setembro, sen ser publicado o preceptivo anuncio de aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.

UCN advirte que tal publicación por parte da Mancomunidade produciuse o día 3/10/2018, mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia número 191, referido á aprobación definitiva da “Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola utilización das instalacións da piscina da mancomunidade do Val Miñor e realización de actividades na mesma”, o que pon en evidencia o cobro dunha exacción ilegal, xa que se aplicaron as novas tarifas sen que fosen publicadas previamente no Boletín Oficial, de acordo co disposto no art. 107.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local, que establece que as “ordenanzas fiscais reguladoras de tributos locais comezarán a aplicarse no momento da súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia”.

UCN lamenta que a pesar das denuncias públicas realizadas polo colectivo de usuarios e afectados de iniciarse as actividades sen dispoñer de todos os elementos necesarios, así como deficiencias nas obras de conservación e mantemento comprometidas pola concesionaria como consecuencia da nova adxudicación na xestión da piscina mancomunada e despois do bochornoso espectáculo dado polos tres alcaldes montados en bicicletas estáticas, sen preocuparse en revisar se as instalacións reunían os requisitos necesarios para a súa reapertura, nin o compromiso asumido polo actual presidente da Mancomunidade e alcalde de Gondomar, de proceder á devolución dos importes cobrados, surtiron efecto algún, polo que todo parece indicar que a concesionaria vai por libre e sen que ninguén controle a súa xestión.

Fernández Comesaña, lembra que a nova tarifa aprobada pola Xunta da Mancomunidade en sesión celebrada o día 23/7/18, só poderá aplicarse a partir do día 3/10/18, data da súa publicación definitiva no BOP, polo que insta o Presidente do Ente Mancomunado a ordenar á concesionaria para que proceda á devolución inmediata aos usuarios dos importes ilegalmente cobrados.

Anuncios