O PP acusa a Ferreira de “ter enganados ao veciños” respecto ao transporte metropolitano

A presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, lamenta a deriva do goberno local que, desde que se escoitaron os primeiros rumores da posible ruptura hoxe consumada do bipartito, actúa a golpe de impulsos.

De “horrible” cualifica a líder popular o grao de manipulación e engano ao que ten sometidos o alcalde aos veciños con respecto ao Plan de Transporte Metropolitano. Bouzós, que asegura ser a primeira que reclama á Xunta a incorporación de Gondomar ao transporte metropolitano, móstrase moi crítica coa actitude de Francisco Ferreira, ao que esixe que “deixe de mentir e asuma a súa responsabilidade”.

Neste sentido lembra a Francisco Ferreira que “se hoxe os gondomareños non nos beneficiamos do Plan de Transporte Metropolitano é porque el mesmo votou dúas veces en contra da adhesión en pleno municipal”. “Hai que ser consecuentes co que se di e fai”, reprocha ao socialista. “Os veciños de Gondomar estamos a pagar un prezo moi alto polo seu rexeitamento”, sinala, para apuntar que “se hai que buscar culpables, que levante a man”.

Unha decisión claramente partidista, aos seus ollos, con graves consecuencias para os gondomareños. “Todos temos memoria”, subliña Bouzós, para quen o alcalde foi e é “cómplice e, por tanto, responsable” de que non se estea aplicando unha rebaixa do 55% no billete interurbano. “Rexeitou a proposta e agora esixe que sexan outros os que solucionen este problema”, exclama.

E de “absoluto escándalo” cualificou que o Concello destine fondos públicos a pagar valos publicitarios contra outras administracións, extremo que, ademais puntualizou, é contrario á lei de publicidade institucional. “É hora de que deixe de antepoñer os seus intereses particulares e os do seu partido e traballe dunha vez por Gondomar”, sinala.

“Desde o partido traballaremos para que non haxa máis sorpresas e para que o próximo ano Gondomar non volva quedar descolgado polas decisións de quen hoxe gobernan no municipio”, compromete Bouzós.