O BNG de Gondomar lamenta a limitada oferta de espazos públicos para actos electorais

A responsable local do BNG de Gondomar vén de presentar no Concello unha solicitude para ampliar a relación dos espazos públicos que se poñen ao dispor das candidaturas participantes diante das convocatorias electorais do 28 de abril e 26 de maio.

Trátase de facilitar ás formacións políticas a posibilidade de convocar actos públicos de distinto formato e dimensión durante as campañas electorais, evitando condicionantes como as barreiras arquitectónicas (Casa da Cultura), actividade cultural (Auditorio Lois Tobío) ou condicións acústicas e de espazo inadecuadas (Pavillón Municipal), que presenta a oferta que se ven facendo até agora, sendo ademais todos eles, lugares pechados.

A solicitude do BNG lembra a necesidade de facilitar unha relación de espazos o máis ampla e acaída posible, e propón incluír a sala de actos do Centro Neural e, cando menos, algunha das prazas públicas da vila que permitan desenvolver actos ao aire libre e faciliten o achegamento da mensaxe política á veciñanza.

Esta mesma petición xa foi presentada para os procesos electorais de 2015 e 2016 mais nunca houbo resposta nin rectificación por parte do goberno municipal. O BNG lémbralle ao Alcalde que aínda está a tempo de modificar a oferta diante da Xunta Electoral.

O BNG insta tamén a revisar a situación das mesas de votación

O BNG insta ao concello a revisar a idoneidade da situación das mesas de votación nalgúns locais electorais. Tense detectado nalgún caso que se atopan en lugares con barreiras arquitectónicas (escaleiras) que dificultan o exercicio do voto a persoas con mobilidade reducida, en zonas elevadas (escenarios) con risco de caídas, ou en espazos pouco acondicionados para pasar alí tantas horas as persoas que forman parte das mesas (pavillón).