O IEM convoca o II Certame escolar de creación dramática

Desde a Sección de Teatro do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) en unión dos grupos de teatro afeccionado que nela se integran como colaboradores, poñen en marcha o II Certame escolar de creación dramática para o estudantado, desde 5º de Primaria, até rematar a Educación Secundaria, cunha idade máxima de 20 anos. O teatro é unha forma de achegarse á literatura, á música ou á plástica, mesmo outra forma de se achegar á tecnoloxía e á informática. É unha disciplina e é unha técnica. É un medio de ampliar os nosos coñecementos.

Os participantes farano a título individual e poderán presentar un único traballo. De decidiren crear unha obra en grupo, deberá ser presentada co nome do seu representante que será o beneficiario do premio e o responsable ante os seus compañeiros de compartilo.

As obras deben ser orixinais e inéditas e estaren escritas en galego de acordo coa normativa aprobada pola Real Academia Galega en 2003. Deberán ter o formato propio dunha obra teatral, é dicir, presentarse en forma de diálogo. Valorarase, ademais da orixinalidade e o argumento, a calidade da lingua utilizada; tamén se valorará a utilidade dos comentarios que acompañen ao texto (vestiario dos personaxes, entradas e saídas, decorado, e calquera outra indicación en beneficio dunha mellor representatividade da obra).

Os traballos presentaranse, preferentemente, mecanografados por unha soa cara. Tamén se poden presentar en CD ou outro soporte informático. Non levarán sinatura ou, en todo caso, esta será un pseudónimo. En folio á parte darase a coñecer (citando o título da obra) o nome do autor así como a súa idade, curso e colexio ou instituto no que está matriculado. Se os traballos se envían conxuntamente dende un centro escolar, os folios individuais de datos poden ser substituídos por un só documento no que se relacionen todos os participantes e a información que corresponde a cada un.

As obras enviaranse, facendo constar no sobre II Certame escolar de creación dramática, antes do día 15 de Xaneiro do 2019, ao seguinte enderezo: Instituto de Estudos Miñoráns, Apartado 30 – 36.380 Gondomar (Pontevedra).

O premio, único para cada nivel, consta de tres partes: un lote de libros, a publicación da obra no web do IEM e a súa representación, por parte dalgún dos grupos integrados na sección de teatro, en, polo menos, un escenario do Val Miñor.

Os niveis estableceranse da seguinte maneira. Nivel 1, terceiro ciclo de educación primaria; Nivel 2, primeiro, segundo e terceiro da ESO; e Nivel 3, cuarto da ESO e Bacharelato.

Ademais, o xurado poderá entregar os accésit que considere oportunos, declarar deserto algún deles ou repartilo ex aequo entre dous autores. Os premios faranse públicos antes do 31 de marzo de 2019 e as obras premiadas representaranse antes de que remate o ano. O xurado estará formado por persoas ligadas ao IEM ou colaboradoras con coñecementos suficientes sobre a actividade de teatro afeccionado. Tamén poderá facer mencións honoríficas sobre algúns traballos non premiados.

Anuncios