Anuncios
Ticker de novas

A Biblioteca de Baiona estrea novo carné tras incorporarse á Rede de Bibliotecas de Galicia

A Biblioteca Municipal do Concello de Baiona integrouse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas de Galicia. Os usuarios xa dispoñen do novo carné, que deben retirar na propia biblioteca tras cubrir unha solicitude e renovar a fotografía do mesmo para poder levar libros en préstamo a casa. Para os novos, é preciso tamén cubrir unha solicitude que se lles proporcionará na biblioteca e levar o D.N.I. Os menores de idade deben formalizar esa instancia asinada polo seu pai ou titor para poder obter o carné. É gratuíto, persoal e intransferible e poderase utilizar en todas as bibliotecas de Galicia.

A incorporación á Rede de Bibliotecas de Galicia supón toda unha serie de beneficios. Os usuarios terán un carné único de bibliotecas que dá acceso aos servizos de todas as bibliotecas públicas integradas de Galicia onde poderán retirar un máximo de 20 exemplares en toda a Rede. No caso concreto da Biblioteca Municipal de Baiona cada usuario poderá levar á súa casa un máximo de cinco préstamos de cada vez, (3 libros, 1 audiovisual e 1 audio) por un prazo de 21 días, coa posibilidade dunha renovación, se o exemplar non está reservado e tras cinco días despois de ser prestado. Unha das novidades é que se amplía o prazo de préstamo dos libros que ascende de 15 días ata os 21, o dos audiovisuais pasan de 3 a 7. Outro dos beneficios de posuír o carné é o alta automática en GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura.

A Biblioteca Municipal de Baiona é un lugar cultural primordial que conta cunha política de renovación constante do seu catálogo que coa incorporación á rede ofrecerá un servizo máis completo, eficiente e accesible aos usuarios.

A integración no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia supón impulsar un sistema máis desenvolto e moderno, que permite que a cidadanía poida acceder aos servizos de todas as bibliotecas públicas da rede, mellora a visibilidade dos fondos dos centros, debido a que se pode consultar a través dunha páxina única en liña en que a biblioteca está o documento que busca e reservalo, e favorece unha xestión máis eficiente dos recursos dispoñibles grazas á integración de datos.

Así mesmo, permite axilizar e estandarizar o traballo técnico, ao contar cun sistema de xestión único para todas as coleccións (físicas ou dixitais) que automatiza os procesos de catalogación, reservas, inventario e préstamo.

Anuncios