Rubén de Lis presenta en Gondomar o seu libro “Del bar al Altar”

A emblemática Casa Peralba de Gondomar acolle este sábado 24 de setembro ás 19:30 horas a presentación do primeiro libro do músico católico local Rubén de Lis. “Del bar al Altar. Una historia de fe y superación” recolle o seu testemuño de conversión, grazas ao apoio do público que, desde o inicio da súa carreira como “guitarrista de Deus” -tal e como el defínese-, quixo coñecer a súa historia de fe. O libro pode atoparse en plataformas dixitais como Amazon.

A pandemia ofreceulle a oportunidade para poñerse ao choio e materializar este proxecto: “empecei a contar a historia desde chavalote, todo o que vivín por iso titúlase Do bar ao Altar. Unha historia de fe e superación. Pero non só é a miña historia, porque a partir de aí comecei un traballo de desenvolvemento persoal e iniciei o movemento TPC -Todo pódoo en Cristo- co que vou dar charlas a coles e institutos”. Ademais do seu testemuño, o libro inclúe formación, poesías, letras e mesmo fotografías da infancia deste músico católico, pensando sobre todo naqueles mozos que non senten unha gran atracción pola lectura para que “non sexa como unha enchente, para que o vaian comendo a bocadiños”.

“A idea nace do interese do público” explica Rubén de Lis que durante moito tempo escoitou como lle solicitaban “poderías contar a túa historia a través dun libro”. Para Rubén de Lis, que conta cun total de 17 discos publicados, o proceso de creación deste libro supuxo “un desafío, un reto, o que pasa é que gocei moito co proceso e estou a aprender moito. É o primeiro, pero espero que non o último”.