Anuncios
Ticker de novas

A rehabilitación da Biblioteca de Baiona e unha nave de Porto do Molle, premios Gran de Area

FOTO: COAG // Rehabilitación do antigo Hospital Sancti Spiritus.

As Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron os galardóns da décimo oitava edición dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2018. Estes galardóns supoñen un recoñecemento ao traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios nas obras e proxectos de calidade desenvoltos nas demarcacións Pontevedra, Vigo e Ourense.

Os premios pretenden sempre ser un vehículo de comunicación coa sociedade do que se ten feito de calidade como proxecto ou obra na contorna próxima. O certame está encamiñado a mostrar que a arquitectura é “posible e próxima”, e que os axentes intervenientes e recoñecidos nas obras, desde a súa responsabilidade e a escala da intervención, poden procurar que o contorno sexa mellor e unha expresión da cultura arquitectónica e os valores colectivos desta sociedade e deste tempo.

Este ano presentáronse 56 proxectos (32 propostas executadas na demarcación da delegación de Vigo, 12 na de Ourense e 12 na de Pontevedra) de moi diversas escalas e localizacións, que denotan os diferentes e variados ámbitos nos que traballan os arquitectos, desde o paisaxismo á obra nova, pasando polo interiorismo ou a restauración de monumentos. Con máis motivo, e polo esforzo redobrado dos participantes por alcanzar os obxectivos ante diversas limitacións, a organización destaca que estas propostas son unha “oportuna reivindicación da profesión e da arquitectura na nosa contorna”.

O acto de entrega de diplomas celebrarase en Vigo no mes de novembro

O xurado valorou a totalidade dos proxectos presentados e os aspectos concretos que aportan un carácter ou valor singular pola súa tipoloxía, innovación tecnolóxica, baixo custo ou implantación no territorio. O xurado estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra, Vigo e Ourense do Colexio de Arquitectos, Manuel Abelleira, Antonio Davila e Alberto de Paula; e un colexiado de cada delegación a seleccionar pola súa Xunta Directiva, Paula Alfonso por Pontevedra, Marta Vilas por Vigo e Mónica Rúa por Ourense; e o arquitecto Severo Fernández premiado na edición anterior, e a secretaria da delegación viguesa María Mariño. Tras un longo debate e análise dos proxectos presentados, o xurado seleccionou 12 premiados que destacaron polo seu “alto nivel” e calidade arquitectónica.

Entre os 12 proxectos premiados está a rehabilitación do antigo Hospital Sancti Spiritus con destino a albergar a Biblioteca Pública Municipal e Arquivo Histórico de Baiona, dos arquitectos Clara Murado e Juan Elvira (Murado & Elvira Arquitectos), e una nave industrial situada na rúa Montes da Barxa, no Polígono Empresarial de Porto do Molle en Nigrán, do arquitecto Leopoldo Alonso-Lamberti Casuso.

O acto de entrega de diplomas celebrarase en Vigo no mes de novembro para os arquitectos, promotores, construtores e aparelladores das obras distinguidas. Este acto complementarase coa organización dun ciclo de conferencias.

2018-10-23 - Nave industrial. Nigrán

FOTO: COAG // Nave industrial en Porto do Molle.

Anuncios