Ferreira cesará do goberno municipal aos tres concelleiros de Manifesto Miñor

A pouco máis de seis meses das próximas eleccións municipais, o pacto de goberno entre Partido Socialista e Manifesto Miñor chega ao seu fin. Os militantes e simpatizantes socialistas de Gondomar apoiaron este sábado ao alcalde por unanimidade na súa decisión de cesar do goberno municipal aos tres concelleiros de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, Xosé Antón Araúxo e Rocío Cambra, na asemblea celebrada na segunda planta da Casa da Cultura.

Dende hai meses, os desencontros entre os socios de goberno eran habituais, tanto nas redes sociais coma nos medios de comunicación. Pero para o PSOE, a gota que colmou o vaso foi a súa actitude no último pleno, pola súa deslealdade e falta de responsabilidade política ante un problema como a recollida de lixo, o peche do punto limpo e a situación de insalubridade e medio ambiente que padecemos os gondomareños, que tivo que resolverse cos votos e apoios da oposición (PP e IxG), mentres os propios socios de goberno puxéronse de perfil, a pesar que a aprobación da empresa adxudicataria da recollida do lixo era a única solución a un problema de saúde pública”.

Para os socialistas este feito, é ademais da maior irresponsabilidade política, “un retroceso imperdoable para os intereses de Gondomar e unha deslealdade e irresponsabilidade política sen parangón (por parte dos socios de goberno)”, algo que para os socialistas é “intolerable e inxustificable”, e supón “un punto de inflexión meridianamente insalvable para continuar este mandato”. Segundo informou o alcalde, Paco Ferreira, o cese producirase previsiblemente este mesmo luns, e as concellerías ata agora responsabilidade dos socios de goberno serán asumidas polos catro membros do goberno socialista.

O 17 de xullo de 2015, PSOE, Manifesto Miñor e CABE asinaron o pacto de goberno no cruceiro de Mañufe, coñecido como “o lugar dos acordos”. Ferreira destacaba entón que «facemos realidade un pacto co que Gondomar terá un goberno forte, sólido e de esquerdas, que ao final é a vontade dos veciños».

Josúe Villar aseguraba que «hoxe é un día histórico, ábrese unha nova etapa, unha nova oportunidade para Gondomar, para mostrar un cambio. É unha boa oportunidade para que a cidadanía de Gondomar teña protagonismo, e a nosa intención é facer un goberno coordinado, no que a transparencia, a ética e a participación sexan o día a día».

Pola súa banda, Araúxo incidía en que «estamos ante un goberno sólido, un goberno moi plural, e iso é o resultado das urnas. Este é un goberno que responde aos novos tempos que corren na política, e nós, estou convencido, saberemos estar á altura desa responsabilidade, aínda que hai moito traballo por facer, eu case diría, que está todo por facer, e a partir de hoxe mesmo, poñerémonos a traballar, que é do que se trata e é o que Gondomar espera de nós».

Pouco duraría o tripartito, xa que o 2 de febreiro de 2016, os tres concelleiros de CABE, Josué Villar, Pauliño del Río e Jimena Varela, presentaban a súa renuncia a través do Rexistro Municipal, denunciando que detectaran diferentes incumprimentos dos acordos asinados e descoordinación entre o grupo de goberno. “O que CABE en ningún caso vai facer é oposición desde o goberno”, sinalaban.