Anuncios
Ticker de novas

A AVGT e o Concello de Gondomar convocan unha concentración diante da Delegación da Xunta en Vigo

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar, a través da súa Voceira Manuela Rodríguez, e o Goberno do Concello, a través do seu Alcalde Francisco Ferreira, realizaron esta mañá, no transcurso dunha recollida de sinaturas, un chamamento á participación da veciñanza na concentración que terá lugar o vindeiro martes 23, ás 9:00 da mañá, diante da Delegación Territorial da Xunta en Vigo.

Informaron tamén de que para facilitar o desprazamento haberá autobús gratuíto que sairá ás 08:30 horas da estación de autobuses de Gondomar e que retornará unha vez rematada a concentración. O teléfono de reservas é o 616 96 40 27.

Con esta nova acción queren seguir a denunciar a actitude da Conselleira de Infraestructuras e Vivenda, Ethel Vázquez, “que desde hai case dous anos está a impedir deliberadamente a entrada de Gondomar no transporte metropolitano, e con ela a posibilidade de se beneficiar da tarxeta metropolitana cos conseguintes descontos nos billetes ou da gratuidade para os menores”.

Ademais, dado que a AVTG ten solicitada, desde hai 6 meses, unha entrevista coa Conselleira que ela derivou a primeiros de setembro ao Delegado Territorial da Xunta en Vigo, instan a que este os reciba nesa mesma mañá.

No transcurso da concentración farán unha nova entrega de sinaturas que reclaman a celebración inmediata desa reunión pendente así como a inclusión, no menor tempo posible, de Gondomar no transporte metropolitano. Tamén se fará entrega dun documento no que se recollerán non só as críticas e reclamacións a respecto das deficiencias no servizo de transporte público colectivo que se padece no Concello de Gondomar, senón tamén unha proposta de accións encamiñadas a melloralo.

Anuncios