Recollen firmas para pedir o cesamento do Xefe da Policía Local de Gondomar

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Cunha serie de circulares distribuídas por diferentes establecementos de Gondomar, se está levando a cabo unha recollida de firmas para solicitar o cesamento do actual Xefe da Policía Local, Obdulio Iglesias. Do seu autor ou autores tense pleno descoñecemento e os artífices, aproveitándose do seu anonimato, non tiveron reparos en despacharse co axente con afirmacións como que “carece de empatía cos problemas reais dos cidadáns” ou de “ser falto de solucións e creando conflitos innecesarios cos cidadáns”.

En calquera caso o escrito distribuído pon en dúbida a profesionalidade do mando gondomareño, ademais da súa efectividade e actitude como axente da lei chegando a referirse a el como “ inoperante, despectivo ou altivo”. Con todo as acusacións vertidas contra a súa persoa non terminan aquí e tamén se dirixen ao alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, por ser un cargo de libre designación e posto de confianza. Ferreira pola súa banda, declarou que pode chegar a entender que xurdan conflitos entre axentes e cidadáns pero que en calquera caso “existen leitos establecidos para facernos chegar as desconformidades, aínda que o da recollida de firmas de maneira anónima non é unha de elas”. O rexedor lembrou que existe un portelo de rexistro, que serve como portal de entrada a calquera documento á Administración. “Se hai algo en contra dun funcionario ou policía polo feito que sexa, pódese denunciar por vía administrativa ou xudicial pero a día de hoxe non consta ningunha reclamación sobre a súa persoa desde que comezou en 2017”, explicou. En canto aos motivos expostos nas circulares, Ferreira cualificounos de banais e xenéricos e en calquera caso defendeu as aptitudes do xefe da Policía Municipal de Gondomar como do resto de funcionarios. A pesar de todo o alcalde esperará á entrada dos documentos no consistorio para coñecer se existe unha desconformidade real e estendida por parte dos cidadáns.

A situación que se está vivindo na condal deu o salto da vida real ás redes sociais, en concreto a Facebook, onde se está creando certo balbordo sobre a peculiar forma de solicitar o cesamento do axente. Unhas circulares que na mañá de onte apareceron en polo menos dous coñecidos locais do municipio aínda que desvinculadas aos seus propietarios.