Anuncios
Ticker de novas

Os socialistas de Gondomar decidirán o sábado se rompen o pacto de goberno con Manifesto Miñor

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR // Firma do pacto de goberno entre PSOE, Manifesto Miñor e CABE.

Este sábado día 20 de outubro ás 20:30 horas, na segunda planta da Casa da Cultura de Gondomar, os socialistas celebrarán unha asemblea para militantes e simpatizantes do partido co obxectivo de valorar e tomar unha decisión, entre todos, sobre romper o pacto de goberno con Manifesto Miñor.

O motivo, segundo sinalan desde o PSOE, os acontecementos e a súa actitude no último pleno, pola súa “deslealdade e falta de responsabilidade política ante un problema como a recollida de lixo, o peche do punto limpo e a situación de insalubridade e medio ambiente que padecemos os gondomareños, que tivo que resolverse cos votos e apoios da oposición (PP e IxG), mentres os propios socios de goberno puxéronse de perfil, a pesar que a aprobación da empresa adxudicataria da recollida do lixo era a única solución a un problema de saúde pública”.

Para os socialistas este feito, é ademais da maior irresponsabilidade política, “un retroceso imperdoable para os intereses de Gondomar e unha deslealdade e irresponsabilidade política sen parangón (por parte dos socios de goberno)”, algo que para os socialistas é “intolerable e inxustificable”, e supón “un punto de inflexión meridianamente insalvable para continuar este mandato”.

A proposta será sometida a votación e consistirá, previa exposición e debate, en decidir, romper o pacto de goberno, e de ser así, cesar aos tres concelleiros de Manifesto Miñor dos seus cargos no goberno municipal.

Anuncios