Susana González volve ocupar o cargo de patroa maior da Confraría de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Susana González e o Cabildo da Confraría de Pescadores de Baiona.

Tras a celebración o pasado 29 de setembro das eleccións para a renovación dos órganos reitores da Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona, e unha vez electos os vogais da xunta xeral, este luns tivo lugar a elección do patrón ou patroa maior. Finalmente, e por unanimidade, e sen necesidade de votación grazas a acordos previos entre os diferentes sectores, Susana González volverá ocupar o cargo tras ser a única candidatura presentada, por un período de catro anos.

Agustín Alonso Otero, do colectivo de empresarios do sector de artes menores, será o vicepatrón primeiro, e Víctor R. Carrera Martínez, do colectivo de traballadores do sector de artes menores, o vicepatrón segundo. Jose J. Garbín Álvarez, do colectivo de traballadores de recursos específicos a flote, Isabel González Álvarez, do colectivo de traballadores de recursos específicos a pé, Manuel Muñiz Chamorro e Jose M. González Juste, do colectivo de empresarios de pesca de baixura, e Jose M. Sotelo Ulbeira, do colectivo de empresarios de recursos específicos a flote, ocuparán o cargo de vogais.

Tal e como sinalou Susana González tras a celebración da xunta, o obxectivo é continuar na mesma liña, “facer cousas en aras de mellorar o traballo dos diferentes sectores da Confraría”. Lembrou que os temas máis urxentes son retomar o proxecto de ampliación e remodelación da lonxa, “que cremos que vai traer melloras para os asociados sobre todo e para a entidade tamén”.

Unha materia pendente é acabar de perfilar as liñas de traballo do cambio tan profundo que houbo no sector do percebe, e que xerou tanta controversia e enfrontamento. “Desde logo o meu obxectivo é tratar de reconducir, que xa está moi reconducida, a situación, e tratar de liquidar todos os problemas que poida haber nos sectores por separado, mellorando un e outro todo o que se poida, sobre todo inconvenientes que hai no sector de a flote para poder traballar todo o ano. O sector do percebe é fundamental na Confraría”.

Outro dos obxectivos será traballar en sectores parados aos que se empezaron a dar vida, “fomentándoos todo o que se poida para que sirvan a parte de sustento a familias tamén como novos ingresos para a Confraría, como poden ser o sector da alga, a navalla, que se estaban recuperando, ou preocuparnos polo sector do ourizo, tamén fundamental”. Ou centrar a atención en resolver os problemas e as reivindicacións doutros sectores como o polbo, as redes ou as nasas, non tan fundamentais en canto a ingresos para a Confraría, pero si en canto a número de asociados.

Respecto da lonxa de Panxón, retomar as cuestións abertas, como unhas melloras pendentes. “O problema que teñen en Panxón é que non poden descargar o polbo porque non é porto principal de descarga. Imos ver de tratar de liquidar ese inconveniente para que se poida descargar o polbo de maneira normal e sen incidencias”.

Para a patroa é fundamental tamén recuperar as relacións coas diferentes institucións, Federación, Consellería, administracións locais… e “traballar coa maior normalidade co maior consenso posible”.

Espera ademais poder recuperar os actos da Virxe do Carme no porto, como son a misa de campaña ou a procesión marítima, “entendo que é algo que a Confraría fixo de sempre e seguirao facendo, pero é unha decisión da xunta xeral”. Así mesmo, sinalou que lle gustaría recuperar os eventos “Vive a Lonxa” e “Nigrán, Mar de Sabores”, “porque son festas que serven para promocionar tanto os produtos como o facer diario dos nosos mariñeiros, e é algo bonito e necesario para a nosa entidade, a nosa xente e os nosos recursos, pero tamén é unha decisión da xunta xeral”.

Á pregunta de como é posible que un ano despois de ter que abandonar o cargo polo conflito do percebe, agora volva ser elixida, Susana González afirma que “a min gustaríame pensar que recalou algo de sentido común. Creo que despois de ver un ano e medio ou preto de dous anos de conflitos, de ameazas, de todo tipo de barbaridades que miramos aquí, por ese camiño non se conseguiu nada, e a realidade é que o sector de a flote perdeu moitísimo máis con esa actitude que se dialogase e chegase a acordos como llo dixen desde o principio. Quero pensar que se deron conta de que eu tiña algo de razón como patroa maior, e que o que eu buscaba era o mellor para os dous sectores”.