Había moitas ganas de ver o programa que Jesús Calleja dedicoulle aos incendios sufridos hoxe hai un ano, gravado durante o pasado mes de xuño no Val Miñor e Baixo Miño, e que se emitiu este domingo coincidindo practicamente co aniversario da traxedia. Segundo os datos facilitados este luns por Kantar Media, o espazo de Cuatro foi visto por 1.632.000 espectadores, o que supón un 8.8% de “share”, converténdose no máis seguido na canle de Mediaset durante todo o día.
Os televidentes puideron coñecer a Manolo e Rosa, dous anciáns que viviron moi preto o inferno, e a Eva, unha vinteañeira que logrou gravar as chamas e sobrevivir á catástrofe. Xunto a Calleja, subiu ao helicóptero e narrou desde o aire o inferno que viviu atrapada na estrada. Tarsy Carballas, experta membro do CSIC, tamén conversou co aventureiro leonés e explicou as graves consecuencias deste tipo de catástrofes.
Kike, mozo mariñeiro, contou como viviu este fatídico episodio e como afectou o seu traballo. Tamén se subiu ao helicóptero de Calleja e emocionouse xunto ao presentador ao contemplar a costa desde o aire. O alcalde de Nigrán, Juan González e o seu fillo Juan tamén explicaron como sufriron a catástrofe desde a distancia por circunstancias persoais.
Para terminar de concienciar sobre os perigos do lume, o programa contou co testemuño de Rosa, a única bombeira da zona e unha das seis que hai en toda Galicia, que explicou ao aventureiro os pasos a seguir no caso de que presenciemos un incendio. E por último, xunto con 200 veciños, Calleja plantou 1.000 árbores no que será o bosque de “Volando Voy” en Chandebrito.

