Nigrán participa por vez primeira na Rede de Gobernos Locais pola Biodiversidade

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // O edil de Medio Ambiente, Diego García, participa na Asemble da Rede de Gobernos locais+Biodiversidade.

O Concello de Nigrán participa por vez primeira na Rede de Gobernos locais+Biodiversidade a través do seu edil de Medio Ambiente, Diego García, que asiste hoxe na sede da FEMP (Madrid) a súa VII Asemblea,onde os representantes políticos das entidades locais adheridas decidirán os proxectos e actuacións que a Rede abordará durante 2018. «Consideramos importante participar activamente para poder levar a cabo un correcto plan de actuación local deseñado para preservar a diversidade no noso municipio», indica o alcalde, Juan González.

Posteriormente, o concelleiro asistirá á xornada “Especies Exóticas Invasoras: risco para a biodiversidade”, onde diferentes expertos de todo o país avaliarán a ameaza que supoñen no seu conxunto e as diferentes estratexias para combatelas. Concretamente, de flora analizaranse polo miúdo os casos da herba da Pampa, o ailanto e pirixel xigante e, de fauna, as cotorras e a avespa asiática. «O Concello de Nigrán, coma todos, non é alleo a este problema, de feito loitamos fortemente coa presenza da vespa velutina repartindo trampas entre a veciñanza e retirando niños e mesmo organizamos numerosas xornadas de retirada de flora invasora do sistema dunar de Panxón-Praia América», explica Diego García.

A Rede de Gobernos Locais +Biodiversidade ten por obxecto a creación dun marco estable que impulse e promova, no conxunto dos Gobernos Locais españois, a adopción de políticas, plans e programas en materia da conservación e o fomento da biodiversidade, a protección do medio hídrico, a restauración de espazos naturais degradados, a mellora da conectividade ecolóxica e a salvagarda dos ecosistemas.