Anuncios
Ticker de novas

Augas de Galicia autoriza a roza na marxe dereita do Río Miñor que permitirá o futuro paseo fluvial

Despois de varios meses de presentadas as solicitudes para a súa tramitación, por fin Augas de Galicia vén de autorizar a roza na marxe dereita do Río Miñor que vai dende o centro da Vila ata o límite co Concello de Nigrán, á altura do IES Proval, dunha faixa de 6 quilómetros de lonxitude por 2 metros de ancho aproximadamente, dentro da banda paralela ao río de Dominio Público Hidráulico.

O obxecto desta actuación que promove a Concellería de Medio Ambiente, ademais de favorecer as beiras do río polo que ten de eliminación de bio-invasoras e atrancos que impiden unha boa drenaxe das augas das enchentes, ten outro obxectivo principal que é marcar o futuro paseo fluvial. Esta actuación, unha vez realizada e cando o tempo o permita, vai permitir camiñar pola beira do río con moita facilidade e sen necesidade de obra.

“Trátase dunha actuación absolutamente respectuosa cun espazo natural de alta sensibilidade e que cómpre preservar e mellorar. Tamén vai ser totalmente respectuosa coas propiedades e cultivos que lindan coa beira do río. Dende a Concellería de Medio Ambiente, pensamos que a mellor maneira para conservar e poñer en valor o noso patrimonio, o que sexa, incluído o natural, é dándoo a coñecer para que sexa valorado e poñéndoo ao servizo da cidadanía”, afirma Antonio Araújo.

Os traballos de roza iniciaranse en breve, unha vez resolto a contratación da empresa que o vai realizar e contando sempre coa supervisión de Augas de Galicia.

Nesta mesma liña, tamén está solicitada en Augas de Galicia e a piques de rematar a tramitación do expediente, para o cal foi necesario presentar un completo e complexo proxecto técnico ante o organismo autonómico, a autorización para proceder á retirada dos sedimentos amoreados dende hai décadas na contorna da Ponte Románica de Mañufe.

“Con esta actuación, que nos gustaría poder realizar antes das enchentes do inverno, estaríamos dando resposta a unha vella reivindicación da veciñanza do Barrio da Ponte, e dalgún xeito, axudando a paliar as consecuencias das riadas nas vivendas da zona e a mellorar o desaugue do Río Miñor”, asegura Araújo.

“O dano que a man do home leva feito nas últimas décadas no Medio Ambiente (tamén en Gondomar) sexa estendendo especies invasoras ou facendo obras e actuacións en lugares impropios, tócanos a nós agora dende a Administración Municipal, pouco a pouco, ir corrixíndoas… e niso andamos na Concellería que me toca dirixir”, conclúe Antonio Araújo.

Anuncios