Anuncios
Ticker de novas

Triunfo clave do Cereixa ante As Neves

Triunfo clave nunha saída sempre complicada que permite ao Cereixa Gondomar FS continuar á fronte da clasificación con pleno de vitorias tras 4 xornadas. Ambos os dous equipos tiñan un potencial goleador enorme e moito medíronse para frear as virtudes do rival. Luca, despois dun par de minutos de botar a rodar o balón, marcaba de bela factura o 0-1. Pouco despois Álex Cabral Álvarez conducía unha rápida contra para centrar atrás e atopar a colaboración dun adversario que marcaba en propia porta (0-2).

Descanso e xogadores a vestiarios. A renda era curta para o ofrecido por uns e outros na fría tarde das Neves.

Na continuación o local botou o equipo arriba e puido descontar mediado o complemento tras unha xogada con algo de fortuna (1-2). Non se desanimou o Cereixa Gondomar FS que continuou dominando o partido mentres lle durou a gasolina xa que a poucos minutos do final, As Neves tentouno cunha das súas especialidades: o ataque en superioridade. Con todo, o visitante pechouse ben atrás e non ofreceu síntomas de debilidade aguantando o resultado ata o asubío final sen excesivos apuros.

Alegría no vestiario porque o equipo chega ao parón de liga con pleno de vitorias (4/4). Pero isto segue e xa empezan a preparar o duelo de 1/8 de final ante o subcampión de terceira división nacional (A Estrada Futsal) por Copa Xunta.

Anuncios