Anuncios
Ticker de novas

A mostra “GalizAmérica” chega este venres a Gondomar

A mostra “GalizAmérica. Edición e lingua na emigración”, comisariada por Carmen Carreiro e por Ramón Nicolás, chega este venres 5 de outubro a Gondomar. Ata o 21 de outubro poderá visitarse de maneira gratuíta na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Sede do Instituto de Estudos Miñoráns), de luns a venres de 18:00 a 21:00 horas. As visitas escolares deberán ser concertadas previamente. Coincidindo coa inauguración de mañá, que terá lugar ás 19:00 horas, Pilar Cagiao ofrecerá a conferencia “O galeguismo no Uruguay”.

A mostra, composta por 13 paneis, vai percorrendo diferentes fitos históricos do exilio e o espertar da conciencia galega a través dos intelectuais emigrados, fundamentalmente en cidades significativas como Bos Aires e Montevideo. Está estruturada en tres grandes apartados. O primeiro relaciona o exilio coa súa causa inmediata, que é a represión. A este apartado corresponden paneis que explican o por que do exilio como punto de partida da mostra, así como a travesía e a viaxe que implicaba, a través dos barcos e dos portos dos que partían, que xusto despois da guerra eran maioritariamente franceses, xa que as persoas exiliadas en moitas ocasións partían de campos de concentración do país veciño. O segundo apartado corresponde á xenerosidade de América e céntrase no nacemento dos centros galegos máis importantes de América e a súa función como lugares de espertar e florecemento da conciencia galega. A terceira parte da mostra corresponde á relación do exilio interior co exilio exterior con especial incidencia nos programas de radio, na publicación de manifestos e na edición de libros e revistas na diáspora e que serían impensables aquí. Os paneis desta parte recollen fotografías de programas de radio, de xuntanzas e de portadas de libros impulsados pola alianza dos intelectuais exiliados, e procedentes de diferentes campos creativos, como foron Lugrís, Freire, Castelao, Seoane ou Colmeiro.

Como actividade complementaria, ademais da conferencia de a cargo de Pilar Cagiao, que ten investigado sobre o exilio e a diáspora, o domingo 14 de outubro ás 19:00 horas proxectarase o filme “A cicatriz branca” de Margarita Ledo. A propia Margarita Ledo explica que “é un filme de xénero, feminista pero que se grava integramente e por primeira vez na diáspora e en lingua galega”. O filme foi escollido precisamente para abordar a dimensión feminina e darlle voz ás mulleres da emigración. “Hai moito sobre a emigración contado en masculino pero moi poucas veces se lles dá voz ás mulleres, que en moitos casos emigraron soas, e que sufriron acoso sexual ou tiñan que emigrar vítimas de estigmas sociais como ser filla dun cura” asegura Margarita Ledo.

Anuncios