
Nova vitoria para seguir no alto da clasificación tras superar a un bo equipo ourensán que se plantou en Gondomar coa idea de disputar de ti a ti o encontro. O partido púxose rapidamente de fronte cando Luca empuxaba a pracer un pase de Álex Cabral Álvarez despois dunha cabalgada por banda dereita (1-0). O visitante aínda non se recompuxo e Esteban Fernández Figueiras con algo de colaboración atopaba o segundo (2-0).
Parecía que a tarde sería de “coser e cantar” pero nada máis lonxe da realidade; o conxunto ourensán movíase ben e descontaba tras un saque de esquina para poñer emoción (2-1). A presión do EDO Sala Ourense era alta e constante pero froito desa intensidade, as faltas subían unha tras outra ata poñer ao Cereixa FS en disposición de dobre penalti. Huguito Gonzálvez relamíase esperando a súa oportunidade e non fallaría (3-1). O gol subiu a moral do equipo que seguiu co mesmo guión ata que Adrián López poñía o 4-1 pouco antes do descanso.
Na continuación o visitante aproveitou un erro defensivo para volver recortar (4-2) e dicir “presente” de novo.
Mediada a segunda parte, o local atoparíase coa vantaxe de atacar en superioridade e tras unha longa posesión, Edu Rodríguez Pérez remachaba no segundo pau para poñer o quinto (5-2). Practicamente na seguinte xogada chegaría o sexto cando, despois dunha parada de socato do porteiro visitante, Rubén fusilaba a pracer (6-2).
O visitante sacou porteiro xogador co obxectivo de descontar canto antes e conseguiría o seu obxectivo despois de tres intentos… gol no segundo pau tras unha boa posesión (6-3). Lonxe de amedrentarse, o Cereixa Gondomar FS púxose o mono de traballo e Samu R. Trabazos, Álex e Edu novamente converterían para pechar o partido no 9-3 final.
Alegría no vestiario e a sensación de facer un bo traballo. Agora a preparar a difícil saída da próxima semana nas Neves.