Gondomar acolle este domingo o VIII Trail e Mini Trail Serra do Galiñeiro

O Concello de Gondomar acolle este domingo o Trail Serra do Galiñeiro, unha das poucas probas que Galicia Máxica Trail Adventure organiza desde o seu primeiro ano, xunto co de Moaña e o Courel. O Trail Serra do Galiñeiro é unha proba moi querida polos corredores de trail de ambas as dúas beiras do río Miño grazas ao seu perfil agreste e salvaxe, con zonas de escalada en roca granítica, as marabillosas vistas sobre a ría de Vigo e a baía de Baiona, así como o ambiente festivo que os afeccionados xeran preto da cima.

Este ano o percorrido apenas mantén trazas dos de anos anteriores, posto que a organización cambiou a zona de saída/chegada ao centro de Gondomar, na contorna do Concello, no canto de facelo en Vincios, o que foi unha volta de torca máis a un dos clásicos. Do Trail de 22 km e 980 D+ apenas se repiten 3,5 km, o Mini de 15,5 km e 520 D+ é completamente novo,así que esperan que os atletas gocen dos cambios. A saída dos 121 inscritos no Trail será ás 9:30, mentres que os 100 participantes do Mini Trail comezarán a proba ás 10:00. O horario de entrega de dorsais será de 8:00 a 9:15 horas.

O Percorrido pasará polas parroquias de Gondomar, Chaín, Vincios, Morgadáns e Peitieiros subindo ata a cima da Serra do Galñeiro e atravesando os diversos ríos que van confluír no Miñor. Esta última proba do circuíto “Prozis Galicia Máxica Trail Adventure 2018” contará coa participación de varios dos mellores corredores desta especialidade deportiva. No Trail haberá premios para os tres primeiros clasificados da xeral e de cada categoría (Sénior, Veteranos I e Veteranos II). No Mini Trail só serán premiados os tres primeiros homes e as tres primeiras mulleres. Tamén haberá competición por equipos.

Anuncios