Nigrán Decide publica a documentación do PXOM na súa web

Nigrán Decide publicou este venres no seu blog nigrandecide.wordpress.com a documentación do PXOM entregada polo equipo redactor para ser enviada á Dirección Xeral de Patrimonio.

“Cómpre destacar que o goberno municipal, a pesar de que vai anunciando en todas as reunións informativas que está realizando polas parroquias que vai publicar a documentación do PXOM na páxina web do concello, como, por certo, acordou por unanimidade o pleno da corporación celebrado este xoves, non o fai”, sinala José Cuevas, para continuar indicando que “non se pode alegar posibles problemas técnicos, como fixo nalgunha reunión, pois o noso grupo municipal, sen a estrutura do Concello, foi capaz de facelo antes de que pasasen 24 horas de que se aprobase no pleno a súa publicación, o que pon de manifesto a vocación de transparencia do noso grupo municipal”.

A publicación da documentación do PXOM por parte de Nigrán Decide baséase no cumprimento da Lei do Solo que establece no seu artigo 87, sobre a publicidade, que “Os concellos garantirán, mediante procedementos telemáticos, o acceso e o coñecemento do contido dos instrumentos de planeamento urbanístico, tanto se se encontran aprobados como durante a súa tramitación”. Nigrán Decide entende que co envío á Dirección Xeral do Patrimonio do documento do PXOM estamos ante un novo trámite.

“Con esta medida pretendemos que toda a veciñanza e os colectivos sociais de Nigrán coñezan, sen intermediarios, toda a documentación do PXOM no seu actual estado de tramitación”, finaliza Cuevas.

Anuncios