Nigrán aproba a modificación das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento

O goberno de Nigrán acadou no pleno de onte a aprobación inicial da modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento de Nigrán dende 1991 co voto favorable de PP, UCN e BNG e en contra de Nigrán Decide, reunindo así a maioría absoluta que se requiría. Esta era a segunda vez que a cuestión ía a pleno despois de que en marzo non saíse adiante debido nesa ocasión ao voto en contra de Nigrán Decide e a abstención de PP e BNG. Despois dese primeiro rexeitamento, cinco entidades veciñais do municipio (“A Irmandade de Priegue”, “Monteferro de Panxón”, “A Camoesa” de Camos, “A Unión de San Pedro” e “O Castro” de Chandebrito) pediron mediante escrito por Rexistro ao goberno que volvese a levar a pleno a moción e, ao mesmo tempo, que a oposición a apoiase, xa que era «beneficiosa para a xeralidade dos cidadáns de Nigrán’.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Tras esta aprobación inicial, e en canto sexa publicado no BOP, abrirase un período de exposición pública e alegacións durante 2 meses.

«Agradecemos que a maioría da oposición reconsiderase a súa postura porque se trata dun asunto crucial para a vida de moita xente, xa que rebaixa as restricións en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reduce os retranqueos ou relaxa as condicións estéticas», explica o alcalde, Juan González.

“Seguimos adiante co PXOM e a bo ritmo, pero grazas a esta aprobación os veciños poderán resolver cuestións tan importantes como ampliar a súa vivenda en caso de necesidade ou facer unha nova división interna da casa, así que a cidadanía é a directamente beneficiada deste cambio, especialmente os que teñen unha vivenda no rural ou anterior a 1975, cando non existía a Licenza de Ocupación”, engade González, quen non entende “cómo a oposición o rexeitou no pleno de marzo”.

«Non son cambios no modelo urbanístico das NNSS, esa tarefa lle corresponde ao PXOM, tampouco se varía a cualificación do solo o aumenta a intensidade edificatoria. Só se trata de pequenas correccións puntuais nas NNSS para solucionar contradicións coa normativa autonómica e estatal en vigor e resolver así deficiencias detectadas durante este tempo na oficina municipal de Urbanismo», resumiu o edil de Urbanismo, Diego García, ante un salón de plenos cheo de persoas interesadas pola aprobación desta cuestión.