Vigo e Nigrán acollen o VI Tríatlon Desafío Illas Cíes

Esta domingo a partir das 8:15 horas celebrarase en Vigo e Nigrán o VI Tríatlon Desafío Santander Illas Cíes, que será tamén campionato galego de media distancia, no que están inscritos 425 deportistas. Na proba masculina destacan o gañador do pasado ano Cristóbal Dios (Tri-Penta Terras de Lugo, Diego Paz (Arcade Inforhouse), Luismi Velásquez (Tri-Penta Terras de Lugo), Ismael López (Cidade de Lugo Fluvial) ou Luis Alberto Paredes (Galaico Pontevedra) entre outros, mentres que na feminina non está inscrita a campioa dos dous últimos anos, María Ortega (Bicicletas Pina-Tritoledo). Iso si contaremos con Sonia Pariente (Tríatlon Rías Baixas), Mónica Mezquita (NoSportLimit), Sara Castillo (TriNort) ou María Jesús Coya (Cidade de Lugo Fluvial).

Os 1.9km de natación desenvólvense nun circuíto de boias na Praia do Vao. O percorrido de bicicleta de 90 km aproximadamente, consiste en catro voltas a un circuíto pechado pola estrada da costa que une as poboacións desde a Praia do Vao en Coruxo (Vigo) ata A Ramallosa (Nigrán). Os 21 km de carreira a pé consistirán en 3 voltas por un circuíto con saída desde a Praia do Vao dirección Vigo pola estrada da praia, para continuar correndo polo paseo do muro da Praia de Samil. Para volver, correndo pola estrada, ata a rotonda de Boxes no Vao.