Nigrán continúa este fin de semana coa rolda de visitas ás parroquias para falar do PXOM

O goberno de Nigrán iniciou onte no Centro Cultural de Parada a súa rolda de visitas ás parroquias para presentar o documento de aprobación inicial do PXOM co catálogo de bens actualizado, tal e como requiriu Patrimonio. Hoxe ás 20:00 a reunión será no Centro Cultural A Camoesa, o sábado ás 20:00 na Asociación de Veciños de Chandebrito e o domingo ás 12:00 na Unión de San Pedro. A rolda continúa o venres 28 ás 20:00 na AAVV Monteferro de Panxón, o 29 no Centro Cultural O Torreiro de Priegue ás 20:00 e, o domingo 30 de setembro ás 12:00 na AAVV Dunas de Nigrán. O obxectivo é informar de primeira man aos veciños do estado de tramitación do documento e poder resolver dúbidas.

A maiores, o goberno local convocou para o martes 16 de outubro ás 20:00 horas o Consello Sectorial do PXOM, órgano reactivado polo goberno socialista de Nigrán en 2015 tras máis de tres anos sen consultalo. Á cita están chamados os diferentes partidos políticos, as preto de trinta entidades veciñais, culturais, deportivas ou comunidades de montes, etc., ademais, acudirán responsables técnicos da empresa redactora Alfonso Botana S.L.

O documento consta xa do catálogo de bens incorporado, tal e como se requirira dende a Dirección Xeral de Patrimonio tras emitir previamente un informe desfavorable, e agora dispoñen dun prazo máximo de 3 meses para contestar (pasado este tempo sen obter resposta se entende que a resolución é favorable). «Por iso aproveitamos este impass para informar polo miúdo en cada parroquia do documento” explica o alcalde, Juan González, quen recorda que as contestacións provisionais ás alegacións están a disposición dos veciños dende o mes de abril no departamento de Urbanismo. «Buscamos a máxima transparencia e consenso para acadar o obxectivo final, que non é outro que aprobar un PXOM no que todos os actores esteamos de acordo en que é o mellor documento posible», sinala.

Unha vez obtida a resposta de Patrimonio o documento será enviado a Medio Ambiente, Dirección Xeral de Costas, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia e Portos do Estado. «A previsión é ter tódolos informes favorables en decembro e que xa no primeiro semestre de 2019 se poida presentar o documento á Aprobación Provisional do Pleno», resume o propio Alfonso Botana, responsable da empresa redactora.