Anuncios
Ticker de novas

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno a cesión do contrato do PXOM

O goberno de Nigrán levará ao vindeiro pleno ordinario do 26 de abril a súa proposta de cesión do contrato de redacción do PXOM a “Alfonso Botana S.L.”, cuestión que será abordada este mesmo xoves cos diferentes portavoces na Comisión de Asuntos Xerais. O goberno considera que esta é a única vía posible para garantir a aprobación do documento despois de que Eptisa renunciase a favor da empresa formada polo seu director Alfonso Botana e o equipo técnico tras prescindir da sección de planeamento (a nova orientación empresarial de Eptisa afectou á tramitación do PXOM en 17 concellos de Galicia).

Os informes municipais emitidos ao respecto son dispares, mentres os de Urbanismo se mostran máis favorables os de Secretaría non o son tanto pero, en calquera caso, ningún deles bloquea a opción da cesión. “Son interpretables, algúns resultan máis favorables á cesión e outros menos. Somos os políticos os que nestes casos tan complicados debemos estar á altura das circunstancias apostando polo que de verdade convén ao municipio, esta é a nosa función, para iso estamos aquí. O goberno de Nigrán sempre deixou clara a súa firme aposta pola aprobación deste documento e imos a cumprir”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán.

“Ou hai unha cesión ou cae nun precipicio inasumible tras 25 anos de tramitación e seis corporacións diferentes. Nigrán non pode agardar máis. Como goberno actuamos consecuentemente polo ben da veciñanza e pedimos a mesma responsabilidade ao resto da corporación”, sinala o rexedor. “Este cambio de empresa pero non de equipo técnico garante que se siga a desenvolver segundo os prazos previstos e sen incidencias. Estamos a falar de que coa cesión pode estar aprobado nun ano ou de volver ao inicio de todo e cunha incerteza absoluta”, subliña González, quen recorda que o plan se atopa nunha fase moi avanzada, con 1.397 alegacións xa resoltas provisionalmente e que poderán ser consultadas polos veciños dende este venres como proba de absoluta transparencia e para, ao mesmo tempo, facelos partícipes do estado avanzado en que se atopa a tramitación.

Así, o o departamento de Urbanismo atenderá dende este venres 20 de abril (de 9:00 a 14:00 horas) e ata cando sexa preciso, a todos os interesados en recibir información de mans dos técnicos municipais do estado das súas alegacións (á espera dos informes sectoriais que restan, trátase de contestacións provisionais, non definitivas). “Todo coa máxima cautela, xa que a resposta queda pendente dunha ratificación final”, insiste Diego García, edil de Urbanismo. Por protección de datos, o único requisito é acudir debidamente identificado co DNI para a consulta da correspondente alegación.

“A aprobación do PXOM é unha prioridade, levamos todo este mandato traballando arreo goberno e técnicos para que sexa unha realidade porque é un asunto clave para o futuro do municipio. Ante todo buscamos transparencia, consenso absoluto e participación, por iso queremos informar de primeira man aos veciños”, insiste González.

De aprobarse, esta sería a segunda cesión que afronta o documento xa que, precisamente, Eptisa se fixo con el tras aprobar o pleno en 2014 a cesión proposta pola UTE Arnaiz&Tinsa ao entrar en concurso de acredores.

Anuncios