Anuncios
Ticker de novas

O vandalismo causa danos en pleno centro de Nigrán

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Escaparates manchados en praza Rosalía de Castro.

Veciños de Nigrán non esconderon a súa indignación tras a onda de actos vandálicos rexistrados o pasado fin de semana na contorna da Praza de Rosalía de Castro e que se saldaron con danos materiais de diversa consideración en polo menos dúas motocicletas, que estaban estacionadas, e nun establecemento. A pesar de que non se puido precisar o día exacto no que aconteceron os feitos, todo apunta a que se levaron a cabo na madrugada do domingo. A situación foi posta en coñecemento da Garda Civil e na Policía Municipal, que achacaron o sucedido a unha canallada.

Os vehículos, que se atopaban estacionados a escasos metros dunha sucursal bancaria, amenceron cos asentos raxados de adiante a atrás presumiblemente cun cutter, xa que os cortes foron realizados de maneira moi limpa e nos que non se apreciaba racho algún. En canto ao establecemento, os danos sufridos foron doutra índole xa que tanto o acceso ao mesmo, como os enreixados, manillas e un dos escaparates foron untados con excrementos, o que impediu ao seu propietario a apertura ao público na mañá do luns, e que ao mesmo tempo lle obrigou a levar a cabo labores de limpeza urxentes.

A zona onde se produciron os feitos adoita estar frecuentada por grupos de mozos que adoitan, ademais, organizar pequenos botellóns os fins de semana. Desde o Instituto Armado manteñen que se trata dun feito illado e puntual. Os veciños, pola súa banda, solicitan que se intensifique a vixilancia na zona durante as noites dos venres e sábados.

Anuncios