UCN vota en contra de modificacións orzamentarias por importe de 88.000€ para contratar máis persoal

O portavoz da formación independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), Antonio Fernández Comesaña, votou en contra no pleno extraordinario celebrado este luns as propostas do goberno local para levar a cabo dúas modificacións orzamentarias por importe de 88.000€, e poder efectuar a contratación temporal de 1 enxeñeiro e 2 administrativos para secretaría; 3 auxiliares para a área económica-Tesourería; 1 auxiliar para urbanismo e 1 auxiliar tamén para a Biblioteca, ante a falta de motivación e xustificación dos expedientes que avalasen as necesidades e carencias nos departamentos, a falta de tramitación da correspondente modificación do cadro de persoal aprobado no pasado pleno, así como tamén, aos reparos de legalidade formulados polo interventor.

UCN considera que o goberno local pretende facer agora nos oito meses que restan para finalizar a lexislatura, o que non quixo ou soubo facer nos últimos tres anos do seu mandato, polo que agora recorre a unha contratación de persoal sen facer un estudo global rigoroso dos problemas endémicos que poida ter a estrutura organizativa do concello, optando por un parche que pouco ou nada vai resolver, e que en todo caso, será a próxima corporación a que teña que abordar os graves problemas organizativos na área administrativa, cuxa estrutura e servizo ao cidadán apenas cambiou no últimos corenta anos, a pesar de que o persoal multiplicouse por dez.

Advirte UCN dos problemas que pode xerar para o futuro esta modalidade de contratación temporal e que adoita acabar en fraude de lei -cuxas experiencias negativas temos do pasado-, xa que a través de denuncias expostas ante a Inspección de Traballo, o Concello tivo que incorporar ao persoal 12 contratados laborais indefinidos, entre a tempo completo e descontinuos, polo que primeiro habería que regularizar a situación destas prazas.

Resalta UCN que é difícil de entender como un concello que dispón na área administrativa -sen contar cos servizos sociais, emprego nin policía local- 38 funcionarios: Administración xeral 15; Urbanismo 12 e Administración financeira 11, entre eles 1 técnico administración xeral; 2 técnicos de xestión; 1 arquitecto; 1 enxeñeira; 2 aparelladores; 2 delineantes; 6 xefaturas de negociado; 7 administrativos; 11 auxiliares; 2 subalternos e 3 funcionarios con Habilitación Nacional (Secretario, Interventor e Tesoureira), que se o comparamos con algún concello limítrofe e con plan xeral aprobado, temos o dobre de persoal.