Anuncios
Ticker de novas

O CB Nigrán clausura o seu campus co maior éxito de participación das últimas edicións

FOTO: CB NIGRÁN // Clausura do Campus.

Raquel Giráldez, tenente alcalde de Nigrán xunto ao concelleiro de Deportes, Luis Sanromán, clausuraron esta mañá no Pavillón de Panxón o Campus de Verán que o CB Nigrán organizou un ano máis en colaboración co Concello, que achegou as camisetas, o seguro e a merenda diaria para todos os nenos e nenas participantes.

O CB Nigrán pecha así unha semana de campus global no que os nenos e nenas participantes gozaron de diversas actividades en torno ao baloncesto como circuítos de tecnificación ou competicións de tiro pero tamén gozaron doutras moi diferentes: experimentos, actividades na praia, baile, cociña creativa, ruta ambiental polo río Muíños ou gymkana en inglés.

Para o desenvolvemento de todas estas actividades o CB Nigrán contou coa colaboración de preto de 10 profesionais de diferentes ámbitos como mestres, monitores de tempo libre ou adestradores de baloncesto.

O acto de clausura comezou cun “partido das estrelas” que contou coa visita especial de Víctor Alonso, xogador do VGO Vigo. A continuación, a tenente de alcalde de Nigrán e o concelleiro de Deportes fixeron entrega a todos os nenos participantes así como aos diferentes profesionais dun diploma e unha medalla acreditativa da participación no campus.

A directora deportiva do CB Nigrán destacou a gran demanda que tivo o campus e que supuxo un rotundo éxito, cubríndose as prazas tan só dous días despois de iniciarse o período de inscrición. Destaca tamén o bo ambiente vivido ao longo de toda a semana entre participantes e monitores e a boa disposición por parte dos nenos e nenas á hora de participar nas diferentes actividades programadas.

Anuncios