“Que os alcaldes se deixen de fotos e controlen e vixíen de verdade á concesionaria”

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz, Antonio Fernández Comesaña, súmase ás protestas realizadas polos usuarios nas que poñen de manifesto a falta de equipos de ximnasia así como unhas deficientes obras de mantemento e reforma, a pesar de ser unha das condicións impostas na nova concesión do servizo mancomunado e que gañou a anterior concesionaria Serviocio. UCN resalta a falta de control e seguimento por parte dos responsables da Mancomunidade e dos alcaldes, en relación coas obras e equipamento que estaba obrigada a realizar a empresa, “e polo que se ve, parece que ninguén se preocupou”.

UCN pregúntase pola papeleta feita polos tres alcaldes, “que unicamente se preocuparon de facerse unha foto montados en senllas bicicletas este fin de semana, dando unha imaxe bochornosa e frívola que ao parecer foi unicamente a súa preocupación”, sen molestarse en comprobar se as instalacións reunían as condicións necesarias para reiniciar a actividade e que as obras e o equipamento comprometido estaban en perfectas condicións. UCN esixe que se adopten as medidas necesarias para que a concesionaria Serviocio preste os servizos de acordo co contrato asinado, as prescricións técnicas establecidas nos pregos de contratación, así como os compromisos e melloras asumidas na súa oferta presentada, pola que se converteu en gañadora do concurso.

“Que os alcaldes se deixen de facer tantas fotos e que controlen e vixíen de verdade á concesionaria, que é a súa obrigación”, apunta Fernández Comesaña. O portavoz de UCN esixe que se devolva aos usuarios o importe da taxa correspondente ao mes de setembro e que xa foi cobrada no banco o pasado 31 de agosto, “mentres non se presten debidamente os servizos en condicións óptimas e o equipamento non estea ao completo”.

Anuncios