Fernando Fernández Penedo, catro anos “armando o Belén” en Gondomar

Gondomar inaugura este xoves o gran Belén artesanal en movemento que por cuarto ano consecutivo ocupa o corredor lateral do Auditorio Lois Tobío. Ás 18:00 horas haberá un concerto da Orquestra e Alumnado do Conservatorio Elemental de Música, e ás 18:30 abrirase ao público a espectacular recreación do Nacemento de Xesús elaborada por Fernando Fernández Penedo, máis coñecido como “Nando”, natural de Baiona aínda que desde hai 31 anos veciño da parroquia gondomareña de Borreiros. Dedicou á montaxe do Belén unhas 12 horas diarias durante 8 xornadas e media do mes de novembro. Os materiais que o compoñen son reciclados, e grazas aos motores reutilizados de microondas e metros e metros de cableado consegue que os personaxes cobren vida.

Ocupa 42 metros cadrados e conta cunhas 120 figuras en movemento, unhas 250 estáticas e outras 100 de animais. Este ano está composto de escenas de Roma, Belén e Nazaret. Multitude de detalles con edificacións, fontes e río con auga real, pousada, destilería, carpinteiros, afiadores, lavandeiras, pescadores, un muíño de vento e outro de auga, un gran mercado, un acueduto, cuadrigas, estatuas… así como unha infinidade de animais, como ovellas, cabalos, vacas, galiñas, asnos, bois, cordeiros, esquíos, cervos, pavos, patos, cabras, camelos… sen esquecernos do pesebre e os tres Reis Magos.

Nando leva máis de 20 anos como afeccionado belenista. O seu primeiro Belén ocupou unha mesa de 80×80, e tras triplicar o seu tamaño xa o segundo, co paso dos anos chegou a ocupar os 20 metros cadrados do seu garaxe. Desde fai catro anos, e a pedimento do alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, o Nacemento trasladouse ao Auditorio Lois Tobío, para que veciños e visitantes puidesen contemplalo e gozalo. Este non é o único Belén que confecciona, tamén prepara o gran nacemento que ano tras ano se expón no Centro Sociocultural de Valladares, de 40 metros cadrados, e desde fai tres anos, tamén o do Mercado de Teis, de 52 metros cadrados.

O acceso é libre e gratuíto en horario de mañá entre as 11:00 e as 14:15 horas e en horario de tarde, entre as 17:00 e as 21:15 horas, de luns a domingo, ata o día 6 de xaneiro que se clausurará. O Belén permanecerá pechado os días 25 de decembro, 1 e 6 de xaneiro en horario de mañá, pola tarde permanecerá aberto.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios