Sin categoría

Ferreira esixe a Serviocio a devolución dos recibos cobrados en setembro

Ante as numerosas queixas e reclamacións dos usuarios da piscina mancomunada da Ramallosa, que este luns mostraron o seu malestar pola reapertura das instalacións coas salas do ximnasio practicamente baleiras e anúnciese o cobro da cota mensual por un servizo que non se está prestando, o alcalde de Gondomar e presidente da Mancomunidade do Val Miñor, Paco Ferreira, anunciou que esixirá á concesionaria, Serviocio Cultura, Deporte y Recreaciones SL, a devolución dos recibos cobrados en setembro e non cobrar a aqueles que aínda non o abonaron, “mentres as instalacións non estean en perfectas condicións para ser usadas”.

Así mesmo, Ferreira lembra que debe presentar un plan de limpeza, salubridade e seguridade das instalacións, así como un cronograma detallado das actividades existentes e futuras, os contratos laborais dos traballadores, etc., ademais de acometer a reparación de danos, mandando unha mensaxe de tranquilidade aos usuarios e ao persoal da piscina, “garantíndolle o máximo control sobre a concesionaria”.

Segundo anunciou a empresa, as obras acometidas durante o mes de agosto, por valor de 260.000 euros, centráronse no acondicionamento de vestiarios, limpeza de vaso e tratamento de chans antiescorregadizos na praia da piscina, melloras informáticas, con acceso a wifi a todos os usuarios, mellora do sistema de renovación de aires, lavado e pintado dos seus espazos comúns e unha renovación importante do seu material didáctico e máquinas Cardiovasculares e de Fitness en xeral. Outro dos elementos tecnolóxicos que se implantan é a utilización da APP de Serviocio, na que os usuarios poderán visualizar nos seus teléfonos as rutinas de adestramentos, horarios e demais actividades.

Con todo, os usuarios e usuarias denuncian que, tal e como puideron comprobar, nos vestiarios só se parchearon as gretas e desconchados, seguen existindo marcos de portas desconchados ou finais de carpintería mediante cinta adhesiva.