Anuncios
Ticker de novas

A protectora Baisenpulgas fai un chamamento á colaboración

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Beatriz González e Lola Blach na zona dedicada ao paseo dos cánidos.

A protectora de animais Baisenpulgas, presidida por Tatiana Álvarez e situada actualmente na parroquia gondomareña de Chaín, atópase nunha situación delicada e é que a catro meses de acabar o ano, a asociación sen ánimo de lucro acumula débedas por valor de 4.000 euros e un saldo na súa conta bancaria que non chega aos 1.000.

A pesar de que os membros da agrupación animalista son auténticos “malabaristas” desde o punto de vista económico, aseguran que se atopan nun momento crítico e manteñen que todas as axudas son poucas. Por iso enviaron unha mensaxe co fin de captar a todos aqueles que queiran achegar o seu granito de area á causa a través das redes sociais e de servizos de mensaxería acompañado dun “pásao”, co fin de obter a máxima difusión posible.

A agrupación afincada en Gondomar, a pesar de facer un labor admirable, tan só conta cun convenio con Baiona e outro con Oia, que pertence á comarca veciña do Baixo Miño e sobreviven a base das cotas, que parten dun mínimo de cinco euros ao mes, dun centenar de socios ademais de actos promocionais, solidarios e apadriñamentos. “Máis ou menos estamos afeitos a xogar cos números, o que nos está pasando este ano é un pouco alarmante, porque estamos case seguros de que acabaremos en negativo”, explicaron.

Pero este aumento tanto en recepcións como en cifras ten unha explicación, desde a agrupación están convencidos que a entrada en vigor, en xaneiro de 2018, da Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia teñen moito que ver na situación que viven. A norma busca garantir uns mínimos nos seus coidados pero o agravamento das sancións ten os seus puntos negativos, e é que algúns propietarios prefiren abandonalos que facerse cargo deles axustándose á normativa vixente. “Moitas persoas, sobre todo en núcleos rurais, seguen pensando que un can é para telo encadeado e que ladre cando se achega un estraño. Se lles explicas que teñen que gastarse máis de 100 euros nun chip, que teñen que estar soltos e que se non o fan pódenlles sancionar con 500 euros, directamente abandónanos e renegan de eles”, aseguraron.

Tendo en conta que os voluntarios acoden á protectora de maneira completamente altruísta e que en moitos casos a colaboración cústalles diñeiro, aseguran que os gastos son moi elevados. Por unha banda está o local, pero é que ademais cada animal que é recepcionado polos animalistas recibe un tratamento específico en función das súas necesidades e enfermidades. Ademais hai que ter en conta que moitos deles chegan nun estado lamentable debido ás atrocidades sufridas e algúns non conseguen sobrevivir. Outro punto para ter en conta é o desparasitado, que se leva a cabo por norma en todos eles, e a colocación o chip identificativo, obrigatorio en todos os animais domésticos. “Falamos aquí que polo baixo cada animal que pisa a protectora tradúcese en 100 euros”, engadiron.

Para facerse unha idea da magnitude dos gastos, no que vai de ano Baisenpulgas abonou unha cifra que rolda os 48.600 euros, con 210 vacinacións, máis de 700 desparasitacións, 54 esterilizacións, 90 chips, 22 falecementos e 14 intervencións cirúrxicas, ademais da alimentación tanto de cans como gatos.

En canto ao número de “hóspedes” rexistrados, actualmente teñen a unha vintena de cánidos ademais de 38 en casas de acollida, oito gatos no recinto e outros 39 en vivendas colaboradoras.

Como adoptar e que facer se te atopas un animal

No momento que alguén se interesa por unha adopción o que fan é redactar un contrato cuxas cláusulas están orientadas ao coidado e comprometimento cos animais en cuestión. Todos os que saen de Baisenpulgas van esterilizados, con chip, vacinados e desparasitados, excepto para cachorros de menos de 6 meses xa que é a idade mínima recomendada para facerlles a intervención, aínda así o documento leva aparellada unha cláusula na que os adoptantes comprométense facerse cargo da operación e correr cos gastos. Para poder sustentar parte da súa actividade, a agrupación pide 50 euros como donativo por cada can ou gato que dá en adopción. Neste punto é quizais onde se atopan con máis reticencias, con todo tan só a alimentación, vacúas e chip superan con fartura o importe solicitado, chegando mesmo aos 200 euros.

Para finalizar, desde a agrupación explicaron que no momento no que se localiza a un animal extraviado, enfermo ou vítima de malos tratos débese de dar aviso ao 112 para que sexan derivados correctamente ou ao Seprona, e que en ningún caso débese de acudir directamete ás protectoras cos animais, xa que no caso de Baisenpulgas, a saturación é tal que non poden facerse cargo deles.

Anuncios