Interceptado un mozo de Gondomar conducindo a 211 quilómetros por hora na A-52

A Garda Civil detectou este pasado mércores a un condutor de 28 anos, veciño de Gondomar, que circulaba a 211 quilómetros por hora na autovía A-52, que está limitada a 120 km/h, ao seu paso polo municipio de Ribadavia. Os feitos producíronse sobre as 20:00 horas, cando unha patrulla do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Ourense estaba a realizar un control de velocidade.

O mozo, que conducía un turismo marca BMW, modelo 330D, superaba en máis de 80 quilómetros por hora a velocidade xenérica da autovía, polo que se lle instruíu un atestado na calidade de investigado pola posible comisión dun delito contra a seguridade viaria, tipificado no artigo 379 do Código penal.

O día anterior, o martes, no mesmo lugar detectouse a outro condutor de 29 anos e residente na provincia de Pontevedra que cometeu a mesma infracción, ao circular a 230 km/h.

A Garda Civil destacou que nos últimos meses detectouse un aumento nos excesos de velocidade cometidos por persoas menores de 30 anos, o que leva a pensar que os mozos non teñen a mesma percepción do risco que conleva a velocidade, en caso de sufrir un accidente.

O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense fai un chamamento á prudencia na condución e lembra que as consecuencias das lesións e danos sufridos nos sinistros viarios, son directamente proporcionais á velocidade á que circulan os vehículos implicados.

Así mesmo, lembra que, en relación coas velocidades establecidas no Regulamento Xeral de Circulación, os condutores que as incumpran estarán a cometer unha infracción grave ou moi grave, sancionada con multa de 100 a 600 euros e a perda de entre dous e seis puntos, dependendo do exceso de velocidade cometido.

No caso de que o exceso de velocidade fose superior en 60 quilómetros por hora en vía urbana ou en oitenta quilómetros por hora en vía interurbana á permitida regulamentariamente, o Código penal tipifícao como delito e é castigado coa pena de prisión de tres a seis meses ou á de multa de seis a doce meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días e, en calquera caso, á de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e ata catro anos.