Anuncios
Ticker de novas

Peitieiros celebra este sábado o XXV Festival Folclórico Internacional

O Centro Cultural de Peitieiros celebra o XXV Festival Folclórico Internacional este sábado 25 de agosto, ás 19:30 horas.

O venres 24, poñerá o ramo á VI Semana Cultural con Cantos de taberna no baixo do edificio do CCV. A actuación correrá a cargo do Grupo de canto tradicional do CCV de Peitieiros e o Grupo Mistura de Vigo.

O sábado 25 decorrerá o XXV Festival Folclórico Internacional, por tanto, o vixésimo quinto aniversario deste evento que naceu vinculado á creación do grupo Ecos e Agarimos que comezou a súa andaina en 1993. Desde entón varias xeracións teñen formado parte da súa traxectoria. Nestes XXV anos foise ampliando tamén a oferta de actividades musicais do grupo, até se converter nunha escola de música e baile tradicional que non só forma a veciños e veciñas de Peitieiros, senón á que tamén acoden persoas doutros lugares. A eles e elas está dedicado este Festival que este ano ten o seguinte programa:

-12:00h. Sesión vermut: clausura da exposición “30 anos de ghaitada” elaborada polo grupo de música tradicional Xistra de Coruxo e coa que celebra a súa traxectoria que xa chega aos 30 anos. Para esta clausura contarán coa presenza do grupo.

-19:30h. XXV Festival Folclórico Internacional coa actuación de:

  • Ecos e Agarimos de Peitieiros, grupo anfitrión que celebra o seu XXV aniversario.
  • Danças e cantares de Vitorino dos Piães, unha freguesía de Ponte de Lima.
  • Os Chavellos (Mos), grupo de música tradicional composto por 17 músicos e bailaríns que se marcan como obxectivo “levarlle a festa a xente e compartir a música que aprendemos dos nosos maiores”.

O XXV Festival Folclórico conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, do Concello de Gondomar, do IEM, de Xistra e da Comunidade de Montes de Peitieiros.

Anuncios