O PP de Gondomar denuncia que a maquinaria municipal está parada “pola falta de xestión do goberno municipal”

O Concello de Gondomar adquiriu fai dous anos unha cisterna por un importe de 50.000 euros, para segundo o alcalde Paco Ferreira, usar no rego e baldeo do pobo, estudando incluso o seu uso para o baleirado das fosas sépticas. O ano pasado foi un tractor con rozadora, cun investimento de 90.000 euros, para facer a roza das estradas e camiños do municipio.

“Sen embargo estes traballos seguen a se realizar por empresas externas contratadas a dedo polo alcalde, xa que ambas adquisicións xunto con outra maquinaria que o Concello tiña no seu inventario, seguen aparcadas no parque de maquinaria que a Deputación Provincial de Pontevedra ten en Gondomar sen que de momento sexa usada, xa que o Concello non ten suficiente persoal para o seu uso”, asegura a voceira do Partido Popular, Paula Bouzós.

“Nestes catro anos o Concello pagou a varias empresas con contratos a dedo, máis de 100.000 euros por rozas que son facturados a máis de 185 euros o quilómetro. O mesmo ocorre cos servizos de cisterna nos que o Concello leva gastados máis de 70.000 euros en empresas externas que prestan este servicio”, lamenta Bouzós.

A voceira do PP afirma que non é normal que o Concello gaste os cartos en maquinaria para que logo estean todos estes anos paradas e sen usar namentres os veciños teñen que sufrir a falta de mantementos dos camiños, instalacións de saneamento e outros servicios que o Concello debería prestar e que non fai “por neglixencia do goberno municipal”.